A Xunta licita por 611.000 euros o servizo de xestión de proxectos e auditoría técnica para optimizar os sistemas de dispensación en farmacias
O obxectivo deste contrato é desenvolver unha serie de proxectos que permitan dotar estes centros dos medios necesarios para facilitar a xestión sanitaria
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 611.466,24 euros, do contrato de servizo de oficina de xestión de proxectos para apoio técnico á dirección de Tecnoloxías da Información e as Comunicación (TIC) e de auditoría técnica de sistemas de dispensación en oficinas de farmacia.
O departamento sanitario da Xunta vén de poñer en marcha unha serie de proxectos co obxectivo de modernizar e reforzar os sistemas de información dos establecementos farmacéuticos.
O obxectivo desta iniciativa é dotar as oficinas de farmacia dos medios tecnolóxicos necesarios para facilitar o seu funcionamento diario, mellorar a xestión sanitaria e conformar sistemas de información corporativos para que a dirección e os responsables de xestión poidan empregalos como elementos de referencia na toma de decisións.
Galicia foi seleccionada como líder en diferentes grupos de traballo e proxectos do Plan de Transformación Dixital da Atención Primaria e do Plan de Atención Dixital Personalizada (ADP). Ambos os plans teñen como obxectivo mellorar a asistencia sanitaria, facéndoa máis personalizada e accesible, tanto para os pacientes como para os profesionais.
Nese marco, este contrato permitirá fortalecer tarefas xa postas en marcha e incorporar novas solucións de carácter dixital relacionadas coa historia clínica electrónica, a telemonitorización, a intelixencia artificial aplicada á toma de decisións clínicas ou a integración con sistema farmacéuticos externos.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.