O acto, ao que asistiu a directora da Axencia Galega de Innovación, estivo presidido polo Rei Felipe VI no Palacio do Pardo
A Xunta felicita ás tres científicas galegas que reciben o Premio Nacional de Investigación para mozos 2024
As galardoadas son Cristina Blanco e Verónica Bolón da Universidade da Coruña e Beatriz Pelaz da Universidade de Santiago de Compostela
O Goberno galego destaca que nunca antes Galicia tivo tantas persoas dedicadas á I+D nin tantas mulleres
Madrid, 3 de xullo de 2025
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asistiu hoxe en Madrid ao acto de entrega dos Premios Nacionais de Investigación e Premios Nacionais de Investigación para Mozos 2024 presidido polo Rei Felipe VI. Nesta edición, tres investigadoras galegas logran o recoñecemento de investigación para xente moza: Cristina Blanco, o Premio Nacional de Investigación María Moliner na área de humanidades; Verónica Bolón, o Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor na área de matemáticas e tecnoloxías da información e as comunicacións, e Beatriz Pelaz, o Premio Nacional de Investigación Felisa Martín Bravo na área de ciencias físicas, dos materiais e da terra.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o talento excelente co que conta Galicia no eido da investigación, que nunca antes tivo tantas persoas dedicadas á I+D nin tantas mulleres, “un dato que demostra que en Galicia aproveitamos o talento e avanzamos en superar a fenda de xénero”.
Ademais, Carmen Cotelo reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i mediante a formación, atracción e retención de talento, a través da continuidade de instrumentos como o programa Oportunius ou a blindaxe dunha carreira investigadora de 10 anos consecutivos, entre outros, no marco do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-27.
As premiadas
Cristina Blanco, investigadora distinguida sénior na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, mereceu o recoñecemento María Moliner na área de humanidades pola súa excelente carreira científica en Historia Contemporánea, a súa destacada traxectoria no ámbito internacional e os seus recoñecidos estudos sobre o proceso de integración europeo.
Pola súa banda, Verónica Bolón, profesora titular da Universidade da Coruña no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información e investigadora no CITIC, foi recoñecida co Premio Nacional de Investigación María Andresa Casamayor. Neste caso, o xurado destacou o seu excelente traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática, en concreto na investigación para a promoción da sustentabilidade da intelixencia artificial, usando os seus algoritmos para a diagnose de enfermidades ou a detección de verquidos no océano.
Por último, Beatriz Pelaz, investigadora Oportunius no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela, recibe o Premio Nacional de Investigación Felisa Martín Bravo na área de ciencias físicas, dos materiais e da terra pola excelencia e calidade do seu traballo con marcado recoñecemento internacional e o seu liderado e independencia científica no eido dos nanomateriais avanzados con aplicacións terapéuticas. O xurado destacou na súa investigación “o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o uso de origamis de ADN".