A Xunta apoia a proposta de poñer en marcha un centro de día de titularidade municipal en Teo
A través dun convenio, financiouse con 180.000 euros a compra dun inmoble para adaptalo como servizo de atención diúrna
O concello xa redactou o proxecto e iniciou o proceso para obter a autorización sectorial correspondente
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explicou que o convenio de colaboración asinado en novembro do ano pasado co Concello de Teo por un importe de 180.000 euros tivo como finalidade financiar a compra dun inmoble para destinalo a centro de día público de titularidade municipal. Perfecto Rodríguez, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia para dar conta deste acordo.
O xerente do Consorcio sinalou que o Concello solicitou axuda económica para a compra do inmoble e que, a tal fin, presentou o corresponde informe de valoración e o relativo á clasificación urbanística da parcela. Así mesmo, con posterioridade á sinatura do convenio, o ente local xustificou a adquisición coa escritura pública de compra-venda.
Ademais, Perfecto Rodríguez apuntou que o concello xa ten redactado o proxecto de acondicionamento do inmoble adquirido como centro de día e que nestes momentos está iniciando a tramitación do procedemento de autorización sectorial ante a Consellería de Política Social e Igualdade. Ao respecto, sinalou que este é un procedemento regulado que fan tanto empresas como concellos que promoven a construción dun centro destas características.
O xerente do Consorcio manifestou que foi o actual goberno local de Teo o que deu prioridade á construción dun centro de día público de titularidade municipal e que o anterior nunca promoveu esta opción. Neste sentido, lembrou que o anterior executivo de Teo propuxo no 2022 a construción dun centro social, para o que solicitou acollerse ao Plan de investimentos que está a desenvolver a Xunta en colaboración coa Fegamp, sendo finalmente desestimada a súa proposta.
Así mesmo, Perfecto Rodríguez aclarou que outros concellos gobernados por distintas cores políticas que están a promover centros de día municipais contan con fondos do devandito Plan de investimentos. Este é o caso de Toques ou Sobrado, que recibiron unha achega coa que financiarán o 100% dos seus novos centros de día.
Por último, o responsable do Consorcio puxo exemplos doutros concellos que tamén xa teñen en funcionamento centros de día de titularidade municipal, como Porto do Son ou Lousame, e outros que os están promovendo como Malpica de Bergantiños, Ramirás e Vilamarín.