A conselleira de Política Social e Igualdade visitou a Aula Andrea, situada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

A Xunta renova un ano máis a súa colaboración coa Fundación Andrea para o apoio ás familias con nenos hospitalizados con enfermidades graves

Fabiola García pon en valor o traballo desta entidade a través de iniciativas como ‘Soporte Vital’, que ofrece atención de fisioterapia, logopedia ou musicoterapia, así como aloxamento temporal ás familias na contorna do hospital

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a Aula Andrea do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), na que se presta atención educativa a nenos e nenas hospitalizados con enfermidades graves. Acompañada da presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, a conselleira tamén visitou o parque infantil acondicionada nunha das terrazas da Área de Pediatría do Hospital.

Durante o acto, a conselleira puxo en valor o traballo que desenvolve desde hai case vinte anos esta entidade, centrada no apoio ás nenas e nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais e ás súas familias. Ademais, avanzou que a Xunta vén de renovar, un ano máis, a súa colaboración co programa ‘Soporte Vital ás familias con nenas e nenos con enfermidades de longa duración ou terminais con escasos recursos económicos’, que a Consellería de Política Social e Igualdade apoia desde 2014.

Deste xeito, cunha achega de 20.000 euros, a Xunta contribúe a financiar os custos de persoal de servizos que a Fundación Andrea presta no eido da fisioterapia, musicoterapia, logopedia e apoio psicoterapéutico, así como o aluguer das vivendas coas que contan para as familias de nenos hospitalizados de larga duración.

Por último, Fabiola García agradeceu á Fundación Andrea o seu esforzo e traballo para garantir o benestar dos nenos e nenas e o confort das súas familias, nas circunstancias máis adversas e cando máis o precisan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2025