A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o inmoble que a Xunta está a construír na parcela Z13 de Xuxán, A Coruña

A Xunta avanza na construción do inmoble de 40 vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán, no que se aplican técnicas industrializadas

O novo edificio de cinco plantas contará con 40 vivendas, de 2 a 4 dormitorios, que se adxudicarán en réxime de alugueiro accesible, reservando polo menos un 40% a menores de 36 anos

A Xunta inviste 7,7M€ na obra, preto dun 75% de fondos propios

As técnicas industrializadas favorecen o ritmo da construción, en concreto un sistema con lousas prefabricadas e paneis metálicos na fachada, coa previsión de que o edificio estea rematado no primeiro trimestre de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou a aposta do Goberno galego para facilitar o acceso da cidadanía á vivenda na Coruña, onde están en marcha 210 vivendas de promoción pública

A Coruña, 8 de xullo de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o novo inmoble que o Goberno galego está a construír no barrio de Xuxán, na Coruña. O novo edificio contará con 40 vivendas distribuídas en 5 plantas, que se adxudicarán en alugueiro accesible, polo menos un 40% para menores de 36 anos. A Xunta de Galicia inviste nesta obra 7,7M€, preto dun 75% de fondos propios, e a previsión é que estea rematada no primeiro trimestre de 2026. M. Allegue anunciou que a finais deste ano terá lugar o inicio do proceso de adxudicación entre os rexistrados de Rexistro de Demandantes de Galicia, que seleccionasen a Coruña como concello prioritario.

Construción máis rápida

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou que a empresa adxudicataria está a usar un sistema con lousas prefabricadas, que permite construír máis rápido e con todas as garantías de calidade. M. Allegue tamén destacou que a construción da fachada tamén será industrializada, mediante paneis metálicos que incorporan o illamento requirido para garantir as prestacións de eficiencia enerxética baixo os estándares máis esixentes.  

A conselleira salientou o compromiso da Xunta coa cidadanía da Coruña, onde xa están en marcha 210 fogares públicos a través da renovación de inmobles do programa Rexurbe, a construción de edificios para 104 vivendas de promoción pública en Xuxán, e as 99 dos solos cedidos polo Concello nos Rosais, Rei Abdullah e Pedro Fernández.

Por último, M. Allegue recordou que no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, o Goberno galego ten previsto desenvolver solo no ámbito de Monte Mero para 4.310 vivendas, o 80% protexidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2025