A conselleira do Mar visitou un curso de Formación Básica

Alianza da Xunta e a Cooperativa de Armadores de Vigo para a realización de accións formativas co obxectivo de reforzar a capacitación dos tripulantes

A entidade viguesa é unha das principais beneficiarias da orde de axudas autonómicas, dotada de xeito bianual con 1,4 millóns de euros, que permitirá a realización dun total de 97 cursos ao longo deste ano

A conselleira do Mar pon en valor a colaboración do sector no desenvolvemento de medidas que permitan mellorar a formación dos profesionais así como facilitar a incorporación de novos traballadores fronte ao reto da remuda xeracional

Vigo, 8 de xullo de 2025

A Xunta mantén unha estreita alianza coa Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto Vigo (ARVI) para a realización de accións formativas co obxectivo de reforzar a capacitación dos tripulantes da súa frota espallada por todo o mundo. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou un curso de Formación Básica, un dos 23 cursos que ten previsto realizar esta entidade sectorial cunha achega autonómica de 180.000 euros. Trátase dunha formación obrigatoria para poder enrolarse nos buques.

Marta Villaverde destacou o compromiso do Goberno galego no ámbito formativo a través dos centros de formación náutico-pesqueira autonómicos aos que destínanse este ano 11,3 millóns de euros. A isto sumou a orde de axudas ás entidades do sector para o desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias e formación permanente dotada de xeito bianual con 1,4 millóns de euros. Unha liña de traballo que facilita o acceso a unha excelente capacitación e reciclaxe dos profesionais do mar contribuíndo á competitividade da pesca galega.

A conselleira do Mar tamén puxo en valor a colaboración do sector no desenvolvemento de medidas que permitan mellorar a formación dos profesionais así como á hora de facilitar a incorporación de novos traballadores á actividade pesqueira. Nesta liña, recordou que  a remuda xeracional é un reto que afecta a distintas actividades produtivas polo que avogou por afondar en ferramentas como a formación profesional dual, que permite compaxinar a aprendizaxe teórica coa experiencia práctica en centros de traballo.

A responsable autonómica sinalou a importancia de seguir mellorando as condicións de habitabilidade dos buques para facer máis atractiva esta saída profesional ademais de conectar á mocidade coas actividades marítimas. Deste xeito, subliñou que o liderado galego a nivel internacional no ámbito da pesca ofrece excelentes oportunidades laborais tanto no mar como en terra. Na actualidade o conxunto da cadea mar-industria xera ao redor de 50.000 empregos directos na comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2025