A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe con representantes de ambas as dúas entidades
A Xunta, Abanca e Fegaes asinan un convenio de colaboración que vai permitir a retirada de diñeiro en efectivo nas estacións de servizo do rural galego
A entidade financeira convértese na primeira en adherirse a esta iniciativa pioneira en España e enmarcada dentro das políticas de Xunta para frear o despoboamento
Permitirá sacar diñeiro en efectivo en gasolineiras daqueles concellos do rural con menos de 20.000 habitantes
Abanca comprométese a dotar estes establecementos de terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados para facer pequenas retiradas de cartos de forma gratuíta a clientes de tarxetas de débito emitidas pola entidade bancaria
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio de colaboración con Abanca e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) que vai permitir que naqueles concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes sexa posible retirar diñeiro en efectivo nas estacións de servizo.
Segundo explicou a conselleira tras a sinatura do acordo, Abanca convértese, así, na primeira entidade financeira en adherirse a esta iniciativa pioneira en España, que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, pon en marcha para ampliar o catálogo de servizos destes establecementos no rural e, tamén, como unha medida para facer fronte ao despoboamento.
En virtude deste convenio, explicou Lorenzana, Abanca comprométese a dotar estes establecementos de terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados para facer pequenas retiradas de cartos de forma gratuíta a clientes de tarxetas de débito emitidas pola entidade bancaria.
Estímase que a implantación desta medida nos 290 concellos galegos con menos de 20.000 habitantes alcance nesta lexislatura uns 200 establecementos, a metade das que actualmente están adheridas á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).
Orde de axudas
A sinatura deste convenio irá acompañada, ademais, dunha orde de axudas que sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) cunha dotación económica de 800.000 euros e que vai incidir no mesmo obxectivo de “modernizar os servizos” dos que dispoñen as gasolineiras emprazadas en concellos do rural.
Ademais de subvencionar a adquisición do equipamento necesario para poder ofertar a retirada de efectivo, tamén poderán solicitarse apoios para mellorar os sistemas de pagamento, a xestión operativa do local a través de plataformas dixitais ou a instalación de grupos electróxenos e sistemas de seguridade. As axudas máximas poden acadar ata os 30.000 euros por beneficiario.