Román Rodríguez reivindica o liderado do sistema educativo galego en equidade, inclusión e respecto por outras culturas

O conselleiro de Educación participa na inauguración do Congreso internacional sobre migración organizado pola Universidade de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reivindica o liderado do sistema educativo galego en equidade, inclusión e respecto por outras culturas, tal e como avalan os principais indicadores do Ministerio de Educación e de informes internacionais como PISA.

Así o sinalou hoxe durante a súa intervención na apertura do Congreso Internacional sobre Migración e Refuxio en Europa. Aprender a servir desde a Universidade que, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela no marco do programa Erasmus+,  congrega na capital de Galicia a profesionais e expertos de distintos ámbitos para debater sobre os retos e desafíos de futuro respecto ás persoas migrantes en todos os eidos.

Román Rodríguez puxo en valor a educación como “xeradora de igualdade de oportunidades” e a capacidade do sistema educativo galego para favorecer a inclusión  e a integración desde as aulas grazas ao “esforzo do profesorado” e ao apoio do Goberno galego con distintas accións como o Programa de apoio ao alumnado estranxeiro, para facilitar a integración destes rapaces na vida escolar e asegurar o seu benestar. O conselleiro ratificou o compromiso da Xunta para seguir traballando en fortalecer a igualdade e a equidade apoiando á diversidade e dando oportunidades a todos os alumnos e, especialmente, a quen máis o precisa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025