A Xunta destaca que incorporou nos últimos dous anos 18 profesionais fixos ao cadro de médicos do Hospital Virxe da Xunqueira, que en 2024 incrementou cirurxías e consultas

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde interveu no Parlamento, onde remarcou as cifras de actividade e os recentes investimentos da Xunta no Hospital Público de Cee

A estratexia desenvolvida polo Servizo Galego de Saúde para facer fronte á falta de médicos, integrando e coordinando a actividade asistencial entre o Hospital Público de Cee e o Hospital Universitario da Coruña, está a permitir dar resposta ás necesidades da poboación

A Xunta está a realizar as obras do hospital de día oncohematolóxico de Cee co obxectivo de que poida estar tratando pacientes no último trimestre do ano

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa, destacou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, que, nos últimos dous anos, a Xunta incorporou 18 profesionais con vínculo de fixeza ao cadro de médicos do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, centro que, ademais, no pasado ano incrementou cirurxías e consultas.

Mar Pousa incidiu en que a estratexia desenvolvida polo Servizo Galego de Saúde, integrando e coordinando a actividade asistencial entre os servizos do Hospital Público de Cee e o Hospital Universitario da Coruña, está a permitir, nun momento de falta de médicos en toda España, dar resposta ás necesidades da poboación e contar con especialistas que, doutro xeito, sería imposible ter nun hospital comarcal das súas características.

Medidas da Xunta

A directora xeral puxo en valor no Parlamento as medidas postas en marcha pola Xunta para afrontar o déficit de profesionais sanitarios que hai no conxunto do Estado, e que nos hospitais comarcais se converte nun reto aínda maior.

Ao respecto, o Goberno galego mellorou as condicións dos profesionais sanitarios que traballan nos hospitais comarcais con medidas como unha maior valoración da experiencia profesional para os que traballen neles; así como con incentivos á convocatoria dos procesos selectivos específicos polo sistema de concurso e con vantaxes no sistema de carreira profesional.

Tamén se prioriza a participación dos profesionais que ocupen postos de difícil cobertura nos cursos formativos e nos proxectos piloto e de investigación.

Por medio destas medidas da Xunta cubríronse no hospital de Cee sete prazas, das que unha é de facultativo especialista en anestesioloxía, dúas de médico de urxencias, outras dúas de médico especialista en obstetricia e xinecoloxía e dúas máis de médico oftalmólogo.

Xunto ao anterior, os procesos de estabilización de emprego cubriron neste hospital 11 prazas de médico, das que unha é de cirurxía xeral, dúas de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, outra de dermatoloxía, dúas de médico de farmacia hospitalaria, unha de medicina interna, outra de obstetricia, unha de pediatra, outra de otorrino e unha de radiodiagnóstico.

A directora xeral incidiu en que está pendente de adxudicar unha praza de médico especialista en anestesioloxía.

Mar Pousa recalcou que a importante actividade deste centro hospitalario enmárcase dentro do compromiso da área sanitaria e os seus profesionais cos procesos de mellora constante baseados na calidade, a accesibilidade e a innovación na prestación dos servizos sanitarios.

Maior actividade en 2024

En canto á actividade, a directora xeral sinalou que ao longo de 2024 se realizaron nos quirófanos do Hospital Público de Cee 448 intervencións cirúrxicas máis que en 2023, reducíndose o tempo medio de espera en 5,8 días respecto ao ano anterior.

No que atinxe ás consultas, o número total das realizadas en 2024 ascende a 59.136, o que supón 1.030 máis que en 2023.

O tempo medio para unha primeira consulta en 2024 neste hospital foi de 32,1 días, o que supón 3,5 días menos que en 2023.

Outros datos de actividade do hospital facilitados pola directora xeral refírense ao número de ingresos realizados en 2024, que foi de 2.735, 37 máis que no 2023. Ao respecto sinalou que, a pesar de que se ingresaron procesos máis complexos, a estadía media acadou os 5,4 días.

Polo que respecta ás urxencias, o número de persoas atendidas ao longo de 2024 ascendeu a 25.416, cifra similar ao 2023.

As cifras de actividade e os recentes investimentos nas súas instalacións e en equipamento constatan -proseguiu a directora- o compromiso e a aposta da Xunta polo Hospital Público de Cee, fixándose como obxectivo prioritario a mellora nos servizos que presta á poboación.

Mar Pousa lembrou, ademais, que a Xunta está a acometer as obras do hospital de día oncohematolóxico de Cee, co obxectivo de que poida estar atendendo pacientes no último trimestre deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025