A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co rexedor da localidade pontevedresa

Ángeles Vázquez e o alcalde de Valga avalían vías de colaboración en materia de augas e xestión de residuos

Ángeles Vázquez pon en valor os máis de 740.000 euros que Augas de Galicia leva investidos nas obras de mellora da marxe dereita do río Valga e do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril

Lembra que as entidades locais teñen á súa disposición unha oficina técnica de asesoramento específico en materia de xestión de residuos municipais na que poden recibir información sobre liñas de financiamento

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co alcalde de Valga, José María Bello, para abordar cuestións de interese para o municipio en materia de augas e xestión de residuos.

Durante o encontro, a conselleira e o rexedor analizaron o Plan específico para a xestión de inundacións na Área con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) dos ríos Ulla e Sar, no marco do que xa se executaron dúas actuacións e outra está en marcha. En concreto, Ángeles Vázquez puxo en valor os máis de 740.000 euros que Augas de Galicia leva investidos nas obras de mellora da marxe dereita do río Valga e do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril.

Ademais, explicoulle ao alcalde que o persoal do organismo hidráulico está a supervisar o proxecto para actuar no espazo fluvial do río Valga entre a liña férrea e a rúa Devesa. Unha vez rematada esa análise, estudaranse as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento.

En canto ao saneamento, o rexedor trasladou o seu interese en completar a rede de saneamento municipal para conectar todos os núcleos de poboación coa estación depuradora de augas residuais. Nesta cuestión, a conselleira propuxo ao alcalde a posibilidade de que Augas de Galicia faga un estudo en profundidade do estado da rede actual para determinar as obras que sería necesario acometer.

Cómpre lembrar tamén que o concello recibirá preto de 90.000 euros para realizar obras tanto na rede de saneamento como na de abastecemento para garantir a prestación de servizos de calidade á veciñanza.

Nese senso, a conselleira subliñou que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

A maiores, na reunión a conselleira e o alcalde tamén abordaron a xestión dos residuos municipais e, en concreto, a solicitude municipal para mellorar o punto limpo da localidade. Neste caso, Ángeles Vázquez lembroulle a José María Bello que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo á disposición das entidades locais unha oficina técnica de asesoramento específico en materia de xestión de residuos municipais na que pode recibir información sobre liñas de financiamento para levar a cabo esta iniciativa.

Ademais, o Goberno galego convoca anualmente varias liñas de axudas destinadas a entidades locais para apoialas no obxectivo de incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025