A Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE e UGT avanzan en medidas para reducir a burocracia nos centros educativos
O conselleiro Román Rodríguez preside unha reunión para perfilar o plan de redución de tempos, trámites e carga de traballo administrativo docente pactado no Acordo de mellora educativa
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT mantiveron unha reunión de traballo esta mañá co fin de avanzar na posta en marcha de medidas específicas para reducir a burocracia nos centros educativos a partir do vindeiro curso. Este é precisamente un dos puntos pactados no Acordo de mellora educativa asinado cos mencionados sindicatos e no que se vén traballando dende a súa sinatura.
Na xuntanza, presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polos responsables e persoal técnico dos distintos departamentos, fíxose unha radiografía integral dos procedementos existentes e avaliáronse medidas a poñer en marcha, así como as accións piloto desenvoltas. Todos estes aspectos plasmaranse nun plan enfocado a reducir os tempos, os trámites e a carga de traballo administrativo do profesorado.
Segundo expuxo o conselleiro, a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos é “un ámbito prioritario” de traballo que recibirá “un impulso importante a partir de setembro” fixado nun plan específico grazas ao traballo coas organizacións sindicais asinantes e sustentado en tres eixos que son a simplificación dos procesos, o impulso da dixitalización e o desenvolvemento dun marco normativo.