A Xunta recoñece o compromiso das comunidades galegas no exterior a través do programa Escolas Abertas

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), en Santiago de Compostela, aos 44 participantes do programa Escolas Abertas, que están a recibir formación presencial especializada en distintas disciplinas da cultura tradicional galega. Este grupo está composto por 36 docentes procedentes de entidades galegas da América e outros 8 de Europa e do resto de España, cunha media de idade de 35 anos, todos eles comprometidos coa difusión e preservación da identidade galega no exterior.

Durante a súa visita, Miranda puido comprobar de primeira man o desenvolvemento das clases presenciais que se imparten nesta edición, centradas en disciplinas como o baile tradicional, a confección de traxes ou a música galega, e que contarán ademais coa participación de recoñecidos músicos galegos ao longo da semana. O secretario xeral destacou o valor deste programa, que leva varias décadas de traxectoria, como unha ferramenta esencial para dinamizar as comunidades galegas de Europa e América e garantir a súa participación activa na vida cultural e social de Galicia. Ademais, Miranda asistiu aos ensaios que o grupo está a preparar para a actuación desta noite no programa Luar da Televisión de Galicia, unha oportunidade para dar visibilidade ao labor destas comunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2025