A Xunta participa na xuntanza de maiores do concello do Pino

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor este tipo de encontros que fomentan o papel activo das persoas maiores na sociedade

 O Pino (A Coruña), 12 de xuño de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou este mediodía na Xuntanza de Maiores do concello do Pino. Un encontro no que lembrou o compromiso do Executivo autonómico coas persoas maiores para que teñan un papel activo na nosa sociedade.

Ademais, Antón Acevedo destacou a importancia destes encontros que permiten ás persoas maiores desfrutar dunha xornada de ocio e lecer. Tamén recordou o compromiso da Xunta co envellecemento activo e animou aos presentes a participar nos programas que ten o Goberno galego neste ámbito como Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios.

Neste sentido, apuntou que a prioridade do Executivo autonómico é garantir que as persoas maiores teñan a liberdade para decidir onde e como facerse maior, e contar cos servizos necesarios á súa disposición para que a súa saúde e benestar non se vexan comprometidos.

Data de actualización: 12/07/2025