Unha unidade móbil de ADOS desprazarase á praza do Concello da Laracha o vindeiro mércores 16 de xullo e o día 8 de agosto

O concello da Laracha súmase á campaña especial Non esquezas doar antes de veranear da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

A Laracha foi o municipio de maior taxa de doazón na bisbarra de Bergantiños en 2024, cunha participación de 54 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano

Desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue animan a toda a cidadanía a doar nestas datas estivais, especialmente dos grupos sanguíneos 0+, 0- e B- por estar baixas as reservas

A campaña de verán desenvólvese en 220 concellos galegos

As unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas, parroquias e empresas de toda Galicia, desde o 13 de xuño ao 15 de setembro

A Laracha (A Coruña), 11 de xullo de 2025

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e a concelleira de Sanidade, Rocío López Rey, presentaron hoxe no concello da localidade a campaña de verán Non esquezas doar antes de veranear, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue nos meses de verán.

Marisa López destacou que a iniciativa pretende manter as reservas de sangue en niveis adecuados para garantir o subministro necesario nos hospitais galegos, nunhas datas complicadas debido ao descenso habitual das doazóns. Neste senso, a directora da Axencia animou a toda a cidadanía a doar nestes meses de verán, especialmente dos grupos sanguíneos 0+, 0- e B- por estar baixas as reservas. 

Unha unidade móbil de ADOS desprazarase á praza do Concello da Laracha o vindeiro mércores 16 de xullo e o día 8 de agosto, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00h. para atender a todas as persoas que desexen participar. 

A campaña de verán desenvólvese en 220 concellos galegos, a época de maior dificultade para acadar as 400 doazóns de sangue diarias que precisan os nosos hospitais, polo que é necesario poñer en marcha iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza.

Concello solidario

No pasado ano 2024, A Laracha, cun total de 623 doazóns de sangue, foi o municipio con maior taxa de doazón da bisbarra de Bergantiños, con 54 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, por riba da media da bisbarra (38/1.000) e tamén da media galega (39/1.000).

A directora de ADOS trasladou a seu agradecemento polos anos de intensa colaboración do Concello da Laracha, e especialmente pola axuda nesta campaña co envío de información sobre este xesto solidario ao tecido asociativo da localidade. 

Pola súa banda, o alcalde, José Manuel López Varela, trasladou aos veciños e veciñas do concello o recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade na obtención destes bos resultados nas doazóns, e animou aos cidadáns a continuar coa súa xenerosidade e compartir o seu tempo para salvar vidas.

Facilidades para doar sangue

Para facilitar a participación, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas, parroquias e empresas de toda Galicia, dende o 13 de xuño ao 15 de setembro, e levará a cabo unha intensa campaña informativa, na que conta coa colaboración dos concellos, que achegarán información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo. 

Marisa López, directora de ADOS, subliñou que “o sangue non se pode fabricar e soamente se pode obter grazas á doazón voluntaria das persoas. Os compoñentes do sangue que obtemos son vitais para atender a milleiros de doentes”. 

Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.

ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2025