A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe a actuación realizada

A Xunta remata en Pontevedra as sendas de Xeve, cunha lonxitude de 2,5 km e un investimento de 2,4 M€

A conselleira destacou a colaboración de Stop Accidentes no deseño da actuación realizada, froito do convenio que a Xunta mantén co colectivo para promover contornas escolares seguras, así como a implicación do centro escolar, co que se consensuou a intervención

Actuouse nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224 para habilitar itinerarios peonís, ademais dunha glorieta para calmar o tráfico na zona e ampliouse as zonas de aparcadoiro de coches e autobuses

O investimento acadou 2,4M€, cofinanciados con fondos europeos Next Generation e a actuación encádrase na Estratexia Galega de Mobilidade que promoven as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Pontevedra, 12 de xullo de 2025

A Xunta vén de rematar as actuacións de mobilidade sostible e seguridade viaria na contorna das estradas PO-223 e PO-224 en Santo André de Xeve, en Pontevedra, coas que se habilitaron 2,5 quilómetros de novas sendas peonís. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Pontevedra, Blanca García-Señoráns, visitou a actuación, cun investimento de preto de 2,4M€, cofinanciados con fondos europeos Next Generation.

A intervención encádrase na Estratexia Galega de Mobilidade que promoven as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e no Plan de Sendas de Galicia, co que a Administración autonómica leva acadados máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas en Galicia. A conselleira M. Allegue subliñou a transformación do espazo acadada coa mellora executada e destacou a “imprescindible” colaboración de Stop Accidentes no deseño da actuación, froito do convenio que a Xunta mantén co colectivo en materia de seguridade viaria e, de xeito especial, no obxectivo común de acadar contornas escolares seguras.

Así mesmo, subliñou tamén a implicación da comunidade escolar do CEIP Santo André de Xeve, que identificou os principais problemas de partida e coa que se consensuaron as intervencións realizadas.

As actuacións

O obxectivo era mellorar a conexión entre os núcleos situados nesta contorna, garantir unha contorna escolar segura e facilitar os desprazamentos da veciñanza, ao conectar estas sendas cos principais equipamentos da zona, como o polígono empresarial, o colexio público e a propia parroquia de Xeve.

As actuacións leváronse a cabo nesta contorna escolar na que conectan as 2 estradas autonómicas PO-223 e PO-224 en Santo André de Xeve.  Na primeira destas estradas habilitouse unha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 2 km de lonxitude, ademais de acometer melloras puntuais no trazado, nas intersección, na drenaxe e nas paradas de autobús.

Estas intervencións completáronse coas executadas na PO-224, na intersección onde se cruzan as dúas estradas. Así, habilitouse outro itinerario peonil de case 400m para conectar o colexio e o núcleo de Sobral, executouse unha glorieta de 30 metros de diámetro para o calmado de tráfico fronte ao colexio, e entre outras actuacións, tamén se reordenaron e ampliaron as zonas de aparcadoiro, que contan con 27 novas prazas e ampliouse a zona de aparcadoiro de autobuses.

Así mesmo, para garantir a seguridade, executouse tamén un espazo de paradas exprés fronte ao colexio (‘kiss and ride’) para facilitar a baixada e recollida dos escolares. E os traballos completáronse coa reubicación e mellora das paradas de autobús, a reposición do firme e o reforzo da sinalización.

Ademais, en base ás propostas dos rapaces a artista Iria Blanco pintou o anel interior da glorieta, así como as paredes do muro da escola, que tamén se melloraron.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2025