A Xunta felicita ao alumnado de bioloxía que se prepara para as Olimpíadas Internacional e Iberoamericana

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa recibe aos estudantes de toda España que se forman esta semana na Universidade de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou ao alumnado de distintas autonomías que está a preparar esta semana a súa participación nas Olimpíadas Internacional e Iberoamericana de Bioloxía. Estas xornadas celébranse por primeira vez na nosa Comunidade e nelas colaboran a Olimpíada Española de Bioloxía, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e a Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, cuxo decano, Jesús López Romaldo, tamén participou hoxe neste acto.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destacou o esforzo, a disciplina e o talento destes oito estudantes, seleccionados entre máis de 4.000 participantes de toda España, e puxo en valor o feito de que Galicia exerza como sede estatal desta preparación. “É unha honra para o noso sistema universitario acoller a formación do equipo español de Bioloxía, contribuíndo á proxección internacional da ciencia”, indicou Judith Fernández.

A preparación conta co apoio de docentes da Facultade de Bioloxía da USC e a coordinación de Luis Fernández, delegado galego e membro da Xunta de Goberno da Olimpíada Española de Bioloxía, ademais de representante nas Olimpíadas Iberoamericanas. A directora xeral agradeceu especialmente a súa implicación continuada, “clave para manter a calidade e o prestixio desta competición”.

Citas nas Filipinas e Colombia

Dos oito estudantes que se adestran en Santiago, catro representarán España na 36ª Olimpíada Internacional de Bioloxía, que se celebrará a próxima semana nas Filipinas con participantes de máis de 80 países. Os outros catro formarán parte do equipo que competirá en setembro na 18ª Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía, en Colombia.

Judith Fernández sinalou que iniciativas como esta reafirman un modelo educativo que aposta pola excelencia, o talento e a vocación científica. Tamén aproveitou para lembrar que, segundo o último informe PISA, o alumnado galego lidera en competencia científica, moi por riba da media de España e da OCDE. Así mesmo, no estudo TIMSS, Galicia obtén a mellor puntuación do Estado en conciencia ambiental, con 533 puntos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025