A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana

Lorenzana salienta a contribución do porto de Vigo ás capacidades loxísticas e exportadoras de Galicia

Destaca que as conexións marítimas internacionais coas que conta son unha grande oportunidade para as empresas galegas, que poden situar as súas mercadorías en practicamente calquera lugar do mundo desde Vigo, posicionándose globalmente e a prezos altamente competitivos

Lembra que a Xunta acaba de sacar a licitación os instrumentos de ordenación e planeamento da Área Multifuncional Industrial (MI) da Plisan, que permitirá poder dispoñer doutros 1,1 millóns de metros cadrados máis

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo estes días unha xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, na que se puxo de manifesto a contribución do porto vigués ás capacidades loxísticas de Galicia e ao alto nivel exportador que vén amosando a economía galega que, o pasado ano, superou por primeira vez os 31.000 M€.

Lorenzana destacou a estreita colaboración que veñen mantendo a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo para impulsar o sector loxístico e, con iso, o comercio exterior do tecido empresarial galego, conscientes de que o tráfico marítimo é un dos máis eficientes e reduce a pegada de carbono.

O porto de Vigo ocupa a cuarta posición en España en conexións marítimas internacionais, con enlaces directos a América do Norte e do Sur, África, Asia e o resto de Europa. Isto, engadiu, ofrece unhas grandes oportunidades para as empresas galegas, que poden situar as súas mercadorías en practicamente calquera lugar do mundo desde Vigo, posicionándose globalmente e a prezos altamente competitivos.

Outro dos temas que se tratou na reunión foi a situación da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), da que se acaban de sacar a licitación os instrumentos de ordenación e planeamento da Área Multifuncional Industrial (MI) que permitirá poder dispoñer doutros 1,1 millóns de metros cadrados máis.

Finalmente, Lorenzana tamén puxo en valor a estratexia medioambiental Blue Growth que está a desenvolver a entidade portuaria, para conseguir unhas instalacións enerxeticamente eficientes, innovadoras e conectadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2025