A Xunta traslada ao concello de Vilalba a intención de executar unha nova parada de autobuses e avanzar na utilización da estación actual para outros usos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe coa alcaldesa, Marta Rouco, á que solicitou que o Concello ceda á Xunta os terreos para executar unha nova parada de autobuses en substitución da estación pechada
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse esta mañá coa alcaldesa, Marta Rouco, para abordar o futuro da estación de autobuses do concello.
No encontro, Judit Fontela trasladoulle a rexedora a necesidade de avanzar na utilización do inmoble da actual estación para outros usos e instou ao Consistorio para que ceda á Administración autonómica os terreos necesarios para poder executar unha nova parada de autobuses en substitución da estación pechada.
Na reunión, a directora xeral lembrou que a Xunta realizou recentemente un estudo das posibles ubicacións da parada co obxectivo de dar resposta ás necesidades actuais con respecto á terminal, dado que nin a súa localización nin o seu dimensionamento son xa axeitadas. De feito, o Goberno galego xa trasladara en encontros anteriores á alcaldesa a necesidade de pechar a estación debido a que está situada lonxe do centro urbano e o número de viaxeiros que a usan é moi reducido respecto ao espazo que ocupa.