Preto de 1.400 aspirantes están convocados ás probas físicas e visuais de acceso ao servizo contra incendios forestais da Xunta
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, as probas físicas terán lugar no Estadio Municipal Vero Boquete de Santiago de Compostela os próximos días 21 e 22 deste mes de xullo e as visuais serán o 23 do mesmo mes na Escola Galega de Administración Pública
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convoca a preto de 1.400 aspirantes que deberán realizar as probas físicas e visuais para poder ocupar determinadas categorías do Servizo de prevención contra incendios forestais (SPIF). Esta convocatoria súmase á realizada en febreiro pasado, de semellantes características.
Así, nesta ocasión as probas físicas terán lugar novamente no Estadio Municipal Vero Boquete de Santiago de Compostela os próximos días 21 e 22 -luns e martes- deste mes de xullo. En concreto, arredor de 500 aspirantes terán que superar a proba coñecida como Field Test, que consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas nun tempo máximo de 30 minutos.
Esta proba deberá ser realizada polos integrantes das listas das seguintes especialidades: Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais; especialidade de bombeiro forestal-xefe de brigada. Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais; especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba e Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais; especialidade de bombeiro forestal.
A realización da proba visual terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o vindeiro mércores, 23 de xullo. Está dirixida a uns mil integrantes das listas de emisorista/vixilante fixo/a e consiste en examinar a agudeza visual lonxana en ambos os dous ollos, así como a visión cromática, realizada cun aparato para control da visión tipo Visiotest ou equivalente.
Finalización do proceso de cobertura
Estas probas organízanse neste momento tras finalizar o proceso de cobertura convocado pola Consellería de Facenda e Administración Pública para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario interino en diversas especialidades do SPIF, cuxa resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado xoves 3 de xullo.
Hai que lembrar que estas esixencias responden á necesidade de garantir que todo o persoal que se incorpore ao SPIF conte coas capacidades físicas e sensoriais adecuadas para desempeñar con seguridade e eficacia as funcións de prevención e defensa contra os incendios forestais.
A relación de aspirantes convocados á realización das probas físicas e visuais relaciónase no seguinte enderezo electrónico:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios.
Ligazón á resolución da Consellería do Medio Rural no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250717/AnuncioG0426-160725-0002_gl.html.