Román Rodríguez reuniuse cunha trintena de entidades para avanzar na cooperación conxunta co fin de mellorar a resposta educativa a este alumnado
A Xunta pecha cos colectivos de atención á diversidade a súa colaboración para impartir formación ao profesorado en materia de inclusión educativa
Os profesionais destas entidades prestarán apoio técnico, coñecemento e experiencia para cooperar nas actividades formativas específicas
Na xuntanza tamén se explicou a posta en marcha da FP Básica Adaptada, unha nova vía dirixida aos colectivos con dificultades de escolarización continúen no sistema educativo máis aló da etapa obrigatoria
Estas accións forman parte da Estratexia de Inclusión Educativa, que blindar o modelo galego de integración e igualdade que o sitúa como o máis inclusivo do Estado
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia vén de pechar coas entidades de atención á diversidade a súa colaboración na formación do profesorado en prol da inclusión educativa nas aulas. Esta é unha das accións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai empezar a despregar xa desde o inicio do curso en setembro, e que se pon en marcha tras o diálogo cos representantes de colectivos moi diversos como de persoas con discapacidade en xeral, discapacidade auditiva, reumatoloxía, persoas down, con autismo, asperger ou TEA, entre outros.
Así se expuxo hoxe na reunión mantida cunha trintena de asociacións de atención á diversidade, presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, onde se traballou no desenvolvemento desta iniciativa que, segundo Román Rodríguez, “permitiranos avanzar nunha atención máis personalizada a cada alumno a través da experiencia e da cualificación de persoas expertas nas distintas condicións, como é o caso dos profesionais cos que contan estas asociacións”.
A participación destas entidades que colaboran coa Consellería na formación permanente do profesorado vaise facer tanto a nivel xeral de toda Galicia, como a nivel territorial e a nivel de centro educativo. Así pois, xa na primeira quincena de novembro está prevista unha xornada específica de colaboración e sensibilización configurada como un encontro entre todos os colectivos o conxunto do profesorado para que coñezan de primeira man o seu traballo e os recursos que poden poñer á súa disposición. Paralelamente, tamén se levarán a cabo distintas xornadas e cursos sobre cuestións como a identificación de barreiras e a accesibilidade á aprendizaxe, o apoio condutual positivo, a atención educativa ao alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural.
Xa nun ámbito máis territorial, a través da colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e cos sete centros de formación do profesorado, vanse ofertar actividades formativas a impartir polas entidades que estean aliñadas coas características e as necesidades que presenten os alumnados destas zonas xeográficas, con cursos específicos sobre ámbitos concretos como a atención educativa ao alumnado con trastorno de desenvolvemento da linguaxe, do espectro autista, alumnado con TDAH ou con altas capacidades, entre outros.
A terceira liña de actuación é a intervención directa nos propios centros, que é a que terá un maior impacto en canto a atención ao alumnado con necesidades. Isto permitirá, da man da experiencia e o coñecemento das entidades de atención á diversidade, planificar un proceso de ensinanza-aprendizaxe adaptado ás especificidades dos alumnos a título individual do centro do que se trate.
A FP ao servizo dos colectivos vulnerables
Na xuntanza tamén se avanzou na colaboración coas entidades de atención á diversidade no que atinxe ás ensinanzas de Formación Profesional, como unha modalidade formativa e de cualificación para os colectivos máis vulnerables que, en palabras do conselleiro, “está a converterse nunha oportunidade persoal e profesional de primeiro orde” para aquelas persoas que presentan dificultades de escolarización.
Neste senso, trabállase da man destes colectivos para seguir favorecendo a implantación de programas formativos adaptados básicos nos centros públicos de Educación Especial, cuxa oferta este próximo curso acada os 35 programas en 13 centros, cun incremento da oferta nun 3% con respecto ao curso anterior.
Tamén se analizou a posta en marcha, a partir de setembro, da nova FP Básica Adaptada como unha das vías para asegurar a permanencia do alumnado no sistema máis aló do ensino obrigatorio. Esta modalidade arrancará como experiencia piloto cun programa formativo de Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos de Vigo.
Tal e como se expuxo na reunión de hoxe, a Consellería traballa para estender a pilotaxe na FP Básica Adaptada a un programa de Pastelaría nas catro provincias, e vaise crear un grupo de traballo para analizar outros perfís a implantar, así como a elaboración de materiais adaptados a estas ensinanzas.
Dotación extraordinaria de especialistas
Finalmente, tamén se deu conta do reforzo do sistema para dotar os centros educativos de persoal de apoio de carácter extraordinario, a maiores dos que xa teñen asignados directamente os colexios e institutos segundo o número de alumnos. A través deste procedemento regrado facilítase e axilízase o proceso de asignación de profesorado, sobre todo de especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o que redundará nunha mellor organización e eficiencia dos recursos ao servizo da educación e ofrecerá máis garantías aos centros.
Todas estas accións, que se desenvolven ao abeiro da Estratexia de inclusión educativa de Galicia, responde ao reto prioritario da Xunta de avanzar nun sistema educativo máis inclusivo e, deste xeito, seguir afianzando o liderado de Galicia neste eido.