A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na presentación do proxecto

Lorenzana destaca que o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico de Applus en Galicia contribuirá a fortalecer a cadea de valor da automoción

O proxecto supón 6,8 M€ de investimento, a creación dunha vintena de postos de traballo e entrará en funcionamento, previsiblemente, no último trimestre de 2026

“É unha moi boa noticia ver que se nos percibe como una Administración facilitadora e amigable para o investimento”, di a conselleira

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico de Applus en Galicia, que se construirá no concello de Sada (A Coruña), vai contribuír a fortalecer a cadea de valor do sector da automoción.

Lorenzana participou hoxe na presentación deste proxecto que, segundo dixo a empresa, supón 6,8 millóns de euros de investimento, a creación dunha vintena de postos de traballo e a súa entrada en funcionamento no último trimestre de 2026.

“Nun momento en que estamos apostando, insistindo e poñendo todos os nosos esforzos nunha política industrial que atraia proxectos empresariais verdes que consoliden unha industria de alto valor tecnolóxico, para a Xunta de Galicia é moi importante que poidamos presentar unha iniciativa coma esta”, subliñou.

“É unha moi boa noticia ver que se nos percibe como una Administración facilitadora e amigable para o investimento”, proseguiu, para destacar o papel que tamén desempeñan os concellos á hora de canalizar a demanda empresarial. “Somos unha comunidade autónoma que proxecta estabilidade e confianza aos empresarios”, dixo.

A conselleira explicou que este proxecto nace no marco da concesión que a empresa ten para a xestión das ITV en Galicia e vai achegar o que más necesita esta industria neste momento, que é I+D+i para afrontar os retos da electrificación, a condución autónoma e a nova mobilidade con solucións innovadoras para a inspección técnica de vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025