A Xunta adxudica por 3,8 M€ a redacción do proxecto e da dirección da obra da fase final do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

O contrato será asinado a finais deste mes de xullo ou principios de agosto, co fin de poder iniciar os traballos

O orzamento estimado das obras da fase final máis a fase previa do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acada os 87 M€

Trátase de afrontar as actuacións máis importantes das fases 2 e 3 do Plan Director do complexo, como a renovación da hospitalización no Hospital Arquitecto Marcide; o bloque cirúrxico, tanto no hospital Naval como no Marcide; ou as novas consultas externas

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2025

A Xunta adxudica por 3,8M€ a redacción do proxecto e a dirección de obra da fase final do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

O contrato, adxudicado á empresa López Fando y Asociados, S.L.P, será asinado a finais deste mes de xullo ou principios de agosto, co fin de poder iniciar os traballos.

O orzamento estimado das obras da fase final máis a fase previa do Hospital de Ferrol acada os 87 M€.

A superficie de actuación é de 5.747 m2 no Hospital Naval, e de 35.366 m2 no Arquitecto Marcide para esta Fase Final, incluíndo as superficies de actuación na súa fase previa.

Trátase de afrontar as actuacións máis importantes das fases 2 e 3 do Plan Director do complexo hospitalario. Entre elas, destaca a renovación da hospitalización existente no Hospital Arquitecto Marcide, que implicará que tras a execución da fase 1 e da fase final se incremente nun 22% o número de camas; o bloque cirúrxico, tanto no hospital Naval como no Marcide; ou as novas consultas externas.

Tamén  se inclúen outras intervencións como o Hospital de día onco-hematolóxico, a unidade de dor e os laboratorios.

En relación aos prazos de execución das obras, estímase en 12 meses para os traballos previos, e en 36 meses para a Fase Final.

Cómpre lembrar que os proxectos se elaborarán en base ao Plan Director do CHUF e ao Plan Funcional revisado, que mantén os criterios xerais establecidos. O Complexo Hospitalario constará así de tres edificios con destinos asistenciais

En concreto o Hospital Arquitecto Marcide, está orientado a pacientes complexos con servizo de urxencias, quirófanos con ingreso e unidades críticas; o Hospital Naval, orientado a pacientes crónicos, rehabilitación, saúde mental e actividade ambulatoria tanto en consultas como en quirófanos; e o Hospital Nóvoa Santos, de apoio docente e investigación e ámbito socio-sanitario.

Data de actualización: 19/07/2025