A Xunta dá luz verde ambiental ao plan especial de reforma interior que permitirá ordenar o espazo ao carón do museo provincial de Lugo
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que o desenvolvemento urbanístico proposto non terá efectos ambientais adversos sempre que se teñan en conta as condicións fixadas no propio informe
Con esta resolución o Concello poderá seguir tramitando o PERI 5.5, cuxo ámbito abrangue unha superficie de case 3.900 m2 sen edificar no casco histórico lucense
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Plan especial de reforma interior 5.5 (PERI) correspondente á chamada unidade de intervención UI-9, situada no casco histórico de Lugo, ao carón do conxunto do Museo Provincial e das instalacións do Mercado de Quiroga Ballesteros.
Este novo instrumento urbanístico, promovido pola Deputación Provincial lucense, ten como obxectivo principal establecer a ordenación detallada do referido ámbito (que abrangue unha superficie de 3.887 metros cadrados) para a implantación dun equipamento dotacional.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, asinou hoxe o Informe ambiental estratéxico (IAE) relativo ao referido plan, concluíndo que non se prevé que teña efectos ambientais adversos sempre que se atendan unha serie de condicións destinadas a contribuír á axeitada salvagarda dos valores do patrimonio cultural da zona, a favorecer a súa axeitada ordenación e a mellorar a integración paisaxística das actuacións proxectadas.
Todos os condicionantes teñen en conta as principais conclusións dos informes emitidos polos organismos públicos consultados de forma previa á emisión do IAE. Ademais, tanto o borrador do plan especial como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados durante un prazo de 30 días hábiles para que calquera persoa ou entidade interesada puidese consultalos e facer posibles observacións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.
O presente informe ambiental estratéxico remitarase ao Concello de Lugo, como órgano substantivo, para que poida seguir tramitando o PERI ata a súa aprobación definitiva, ao tempo que se fará público nos próximos días a través do Diario Oficial de Galicia e da propia web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Cómpre lembrar que o obxectivo co que se promove este novo instrumento urbanístico é establecer unha ordenación detallada dun ámbito de solo urbano non consolidado de reducida extensión que constitúe un espazo baleiro e pechado na trama urbana do Burgo Medieval e do Ensanche recente e que abrangue o interior dun cuarteirón, polo que non se agardan novos efectos en canto á ocupación do solo.
Trátase dunha zona sen edificar localizada no centro do casco histórico, sen accesibilidade rodada nin peonil. O ámbito está parcialmente ocupado por vexetación herbácea, xardíns e exemplares de arboredo asociado ás antigas hortas da rúa Nova. No interior do ámbito tamén existen algunhas edificacións en ruínas e medianeiras á vista dos edificios presentes na rúa Bolaño Ribadeneira.
O ámbito de actuación do PERI 5.5 forma parte do ben de interese cultural (BIC) do recinto intramuros da muralla romana de Lugo, declarado Conxunto Histórico-Artístico, polo que se debe actuar con especial precaución sobre todo no relativo aos aspectos arqueolóxicos, tal e como se recolle nas condicións fixadas no propio IAE.