O conselleiro de Educación visita os Astilleros Armon, en Vigo, que participan neste proceso

A Xunta impulsa a acreditación de competencias profesionais de máis dun cento de traballadores do sector do naval a través da súa experiencia

Román Rodríguez lembra que esta acción, enmarcada no Plan FPGal360, ten un “triplo beneficio” para os traballadores, para as empresas e para a sociedade no seu conxunto 

Un total de 32 centros de toda Galicia participan neste procedemento para a acreditación da experiencia adquirida polo desempeño laboral en 25 familias profesionais

Vigo, 23 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia impulsa a acreditación de competencias profesionais no sector do naval con máis dun cento de traballadores certificados grazas á experiencia adquirida na súa traxectoria laboral. Así o informou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao estaleiro Armon, en Vigo, unha das sete firmas deste sector que participan nesta acción enmarcada no Plan FPGal 360.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, agradeceu a participación da firma nesta iniciativa e salientou que os procedementos de acreditación profesional teñen un “triplo beneficio” xa que supoñen un valor engadido para os traballadores, que ven recoñecidas as súas capacidades profesionais; para as empresas porque axudan á mellora do capital humano do que dispoñen e, a maiores, poténciase a relación entre os sectores produtivos e os centros de Formación Profesional. En definitiva, “isto supón un aproveitamento de sinerxías que repercute no conxunto da sociedade”, abondou o titular de Educación do Goberno galego, quen lembrou, ademais, que as empresas participantes neste proceso obteñen beneficios en licitacións públicas e convocatorias de axudas de I+D+i.

O procedemento ARA, de Avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais é un procedemento oficial impulsado para recoñecer as competencias que un traballador ten adquiridas a través da experiencia laboral ou da formación non formal. Isto permite que persoas sen titulación oficial poidan acreditar os seus coñecementos e destrezas nun eido profesional concreto obtendo certificados válidos para acceder a formación, emprego ou promoción interna.

En Galicia participan neste proceso un total de 32 centros educativos para recoñecer oficialmente as competencias profesionais en calquera das 25 familias impartidas da comunidade autónoma.

No caso concreto do sector naval acreditáronse xa un total de 709 unidades de competencia e participaron 116 traballadores, 15 deles, do perfil profesional de soldador por arco eléctrico, en Astilleros Armon.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2025