Preto de 300 docentes melloran no estranxeiro a súa formación grazas ao programa Galemundo da Xunta

A Consellería de Educación destina máis de 1M€ a esta iniciativa con dúas modalidades: unha para o verán e outra para integrarse nun centro doutro país no primeiro trimestre

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2025

Preto de 300 docentes galegos reforzan a súa formación no estranxeiro grazas ao programa Galemundo co que a Xunta de Galicia impulsa a internacionalización do ensino. O obxectivo é seguir mellorando a calidade do ensino a través da actualización das competencias lingüísticas e metodolóxicas do profesorado, apostando por unha educación aberta, internacional e adaptada aos retos do presente. Para iso, vén de resolverse a convocatoria deste ano.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 1 M€ a esta iniciativa que conta con dúas modalidades: unha para integrarse na vida escolar nun centro educativo fóra de España e outra para realizar un curso de idiomas no estranxeiro. A través dela, o profesorado beneficiado ten cubertos os gastos de docencia, aloxamento, manutención, actividades culturais e desprazamento.

O programa está dirixido a docentes de inglés, francés e portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas. Nela se contemplan dúas vías de participación: por unha banda, a posibilidade de realizar un curso intensivo de idiomas de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña durante o mes de xullo; por outra, a opción de integrarse na vida escolar dun centro de Canadá, Francia ou Portugal no primeiro trimestre do curso 25/26.

Repercusión no seu alumnado

En ambos os casos, o profesorado elaborará unha proposta didáctica que poderá ser utilizada como recurso educativo aberto, e, no caso das estadías en centros escolares, tamén deberán desenvolver unha memoria sobre a experiencia vivida. Nela poderán actualizar os coñecementos, descubrir novas metodoloxías e coñecer outras realidades educativas, fomentando un ensino máis innovador, flexible e conectado co mundo.

Galicia reafirma así a súa aposta polo plurilingüismo e a internacionalización do ensino, promovendo unha formación de calidade para o profesorado e, en consecuencia, unha mellor preparación do alumnado para afrontar os desafíos dunha sociedade global.

Data de actualización: 27/07/2025