A Xunta realiza labores de conservación en varios tramos fluviais que suman 4,7 quilómetros no concello de Viveiro
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de seis semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento en dous tramos dos ríos Fontecova e Escourido, que suman 4,7 quilómetros no concello de Viveiro.
As tarefas, que se prolongarán durante seis semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles.
Os traballos, que foron comunicados ao concello, realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras ao tempo que se contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor.
As actuacións céntrase en máis de 4,4 quilómetros do río Fontecova ao seu paso pola parroquia de Santa María de Magazos e en algo máis de 250 metros do río Escourido á altura de San Xoán de Covas.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.