A directora xeral de Patrimonio Natural comprobou as actuacións que se están a realizar na zona para a conservación de espazos naturais

A Xunta inviste preto de 400.000 euros no Courel para a recuperación de 45 héctareas de bosques, algunhas delas afectadas polos incendios de 2022

Os traballos, que contan con financiación europea a través dos fondos NextGenerationEU, comezaron a finais de xuño e desenvolveranse durante arredor dun ano para favorecer a rexeneración de áreas con importantes valores naturais

O Executivo galego ten planificadas accións de mellora en zonas de castiñeiros, erbedais, carballos ou bidueiros así como labores para a eliminación de especies exóticas invasoras como as mimosas

Folgoso do Courel (Lugo), 29 de xullo de 2025

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou hoxe distintos espazos da serra do Courel -no ámbito da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel- nos que a Xunta está a actuar co fin de recuperar a biodiversidade dos bosques existentes na contorna, moitos deles afectados polos incendios rexistrados en 2022. Os traballos, que contan cun investimento de preto de 400.000 euros financiados con fondos europeos NextGenerationEU, suporán intervir en arredor de 45 hectáreas de superficie.

A representante do Executivo galego explicou que os traballos na zona comezaron a finais do mes pasado e que a previsión é que se prolonguen durante arredor dun ano co obxectivo de favorecer a rexeneración de distintos espazos con importantes valores naturais así como a eliminación de especies exóticas invasoras.

Entre as actuacións incluídas no proxecto Conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais en bosques de frondosas do Courel na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel está o tratamento do souto da Devesa, na parroquia de Vilamor, no concello de Folgoso do Courel. Neste caso realizaranse distintos labores para recuperar o vigor vexetativo dos castiñeiros nunha superficie de máis de 25 hectáreas mediante rozas de matogueiras, a poda e tratamento sanitario de distintos exemplares, a extracción de árbores mortas e elementos leñosos grosos así como a adecuación de 1,6 quilómetros de camiños.

Nesta mesma parroquia de Vilamor traballarase na recuperación de 5,8 hectáreas de erbedais que resultaron afectadas polos lumes de xullo de 2022, polo que quedaron secos todos os tallos e partes aéreas destes arbustos, que agora están brotando. A actuación consiste en cortas selectivas de troncos ou árbores secas existentes na contorna para facilitar un mellor desenvolvemento das novas plantas. 

Outras dúas accións previstas na parroquia de Vilamor consisten na eliminación de especies exóticas invasoras, concretamente mimosas, nunha superficie de 1,55 hectáreas repartidas por distintas zonas, e na rexeneración de bidueirais en 3,15 hectáreas afectadas polos lumes de xullo de 2022 no lugar de Vidallón. Tralo incendio os bidueiros afectados comezaron a brotar e agora vanse cortar os fustes queimados para que non interfiran co rexenerado emerxente así como unha selección e talla dos mellores brotes para consolidar e acelerar a cobertura arbórea de frondosas autóctonas.

A maiores, o proxecto tamén prevé a actuación en 9 hectáreas de carballos e outras frondosas no marco do Couto, na parroquia de Visuña, tamén no concello de Folgoso do Courel. O obxectivo é consolidar a masa incipiente de rebolos aclarando os espazos necesarios para que os exemplares poidan abrir as copas e frutificar. De feito, os traballos incluirán a corta e extracción de pés sobrantes onde a densidade sexa excesiva, así como a roza da matogueira existente na contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2025