Medio Rural promociona por primeira vez de maneira conxunta os pementos galegos de calidade diferenciada

Esta acción reuniu os pementos de Herbón (recoñecidos cunha Denominación de Orixe Protexida) e os catro amparados por cadansúa Indicación Xeográfica Protexida: Oímbra, Arnoia, Mougán e O Couto

Os asistentes tiveron a oportunidade de degustar varias creacións culinarias elaboradas por recoñecidos cociñeiros galegos, que utilizaron estes produtos e outras materias primas de calidade diferenciada da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe no primeiro acto conxunto de promoción dos cinco pementos galegos de calidade diferenciada, realizado en colaboración cos Consellos Reguladores respectivos. A iniciativa, que tivo lugar no hotel compostelán A Quinta da Auga, serviu para poñer en valor os pementos de Herbón (recoñecidos cunha Denominación de Orixe Protexida, DOP) e os catro amparados por cadansúa Indicación Xeográfica Protexida (IXP): Oímbra, Arnoia, Mougán e O Couto, como uns dos produtos máis representativos do patrimonio gastronómico galego.

Durante o transcurso do acto, a conselleira lembrou os apoios da Xunta de Galicia para visibilizar e impulsar a comercialización dos produtos agroalimentarios certificados, ao abeiro do Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, que só este ano supón un investimento de máis de 8 millóns de euros. A comunidade galega reúne 36 selos de calidade diferenciada, que son un emblema desa “Galicia Calidade que tan ben nos representa”, asegurou Gómez.

Diversidade de creacións culinarias

Os asistentes tiveron a oportunidade de degustar unha diversidade de creacións culinarias elaboradas por recoñecidos cociñeiros galegos, con especial protagonismo para os pementos de calidade DOP e IXP, que combinaron con outros produtos galegos de calidade diferenciada. Entre as propostas destacan pratos como o bonito afumado con leite de tigre de pemento de Herbón, preparado por Pedro “O Lalo” do restaurante Lemur Cocina en Brasas (Ourense); ou a tosta de pemento de Oímbra e queixo do Cebreiro elaborada por Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova (Verín).

Tamén se puideron degustar o tataki de Tenreira Galega Suprema con chutney e ensalada de pemento da Arnoia semiencurtido, unha creación de Julio Mato, de I+D Culinaria; o pemento de Mougán recheo de tofu, calabizo e crema de pataca de Galicia, elaborado por Gerson Iglesias, do restaurante OCA Vila de Allariz; e o pemento do Couto con emulsión de anchoa e tosta crocante, a cargo de Federico López, da Quinta da Auga (Santiago). O acto foi conducido polo xornalista Terio Carrera.

Con este tipo de eventos, a Consellería do Medio Rural pon de manifesto o seu compromiso coa promoción dos produtos da terra, especialmente os que contan cun distintivo de calidade diferenciada. Esta acción de promoción súmase ás xa realizadas en xuño coa IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e máis recentemente coa IXP Tarta de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2025