A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde o convenio para a posta en marcha desta actuación do Plan Hurbe

A Xunta colaborará co Concello do Vicedo na mellora das rúas Francisco Vilasuso e a Travesía da Mariña

As actuacións consistirán na mellora da accesibilidade e equipamentos destas rúas do municipio e suporán un investimento global duns 50.000 euros

A través do acordo asinado hoxe, a Xunta asume o 70% do orzamento, 35.000€, contratará e executará as obras; mentres que e o Concello aporta o 30% restante do investimento, arredor de 15.000€

As intervencións forman parte do Plan Hurbe, programa do Goberno galego para apoiar ás administracións locais e cofinanciar diferentes tipos de intervencións urbanísticas

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025

A Xunta colaborará co Concello do Vicedo para executar as obras de mellora do viario, na parroquia de San Martiño, que suporá un investimento duns 50.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde do municipio lucense, José Jesús Novo Martínez, o convenio para a posta en marcha destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe do Goberno galego.

A actuación permitirá a mellora de equipamentos públicos e do espazo público tendo en conta as necesidades de utilización e a mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida.

A través do convenio asinado hoxe en San Caetano, a Xunta cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 35.000€, contratará e executará as obras, mentres o concello achegará o 30% restante do custe das actuacións, arredor de 15.000€.

As intervencións realízanse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2025