Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Activo un incendio forestal no municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as primeiras estimacións provisionais supera as 20 hectáreas
Continúa activo o lume de Arbo, parroquia homónima, no que xa se desactivou ás 23.55 horas de onte a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación
Estabilizado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas
Controlado o lume do concello pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que afecta unha superficie de 60 hectáreas arboradas
Segue controlado o lume da localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que afecta unha superficie de 47 hectáreas arboradas
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe martes.
Activo Carballeda de Avia-Carballeda
Desde as 12.59 horas de onte martes está activo un incendio forestal no municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as primeiras estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 2 técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 4 avións.
Activo Arbo-Arbo, desactivada Situación 2
Segue activo o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, que se iniciaba onte ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 4 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 2 helicópteros.
Estabilizado Carballedo-San Mamede de Lousada
Desde as 22.28 horas de onte está estabilizado o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.
Controlado Meaño-Xil
Ás 03.42 horas de hoxe quedou controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 60 hectáreas de superficie arborada. O lume iniciouse ás 00.11 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 9 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
Controlado Salvaterra-Pesqueiras
Permanece controlado dende as 20.48 de onte o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 27 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.