Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13.30 h. de hoxe

Segue activo o lume de Arbo, parroquia homónima, que afecta arredor de 8 hectáreas de superficie e onde foi desactivada esta noite a Situación 2 que se decretou por precaución ante a súa proximidade a núcleos de poboación

Estabilizado o incendio do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas

Continúa estabilizado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas

Permanece controlado o lume do concello pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que afecta unha superficie de 60 hectáreas arboradas

Segue controlado o lume da localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que afecta unha superficie de 47 hectáreas arboradas

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 13.30 horas de hoxe mércores.

Activo Arbo-Arbo

Continúa activo o incendio forestal de Arbo, parroquia homónima, que se iniciaba onte ás 18.23 horas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 23.55 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta arredor de 8 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas e 2 helicópteros.

Estabilizado Carballeda de Avia-Carballeda

Ás 11.44 horas desta mañá deuse por estabilizado o incendio forestal do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as primeiras estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Este lume iniciouse ás 12.59 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 19 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 4 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Carballedo-San Mamede de Lousada

Continúa estabilizado, desde as 22.28 horas de onte, o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Ata o de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

Controlado Meaño-Xil

Desde as 03.42 horas de hoxe está controlado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 60 hectáreas de superficie arborada. O lume iniciouse ás 00.11 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 10 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

Controlado Salvaterra-Pesqueiras

Permanece tamén controlado, desde as 20.48 de onte, o lume do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Pesqueiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 47 hectáreas de superficie arborada. O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.

 A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 30/07/2025