A delegada da Xunta en Ferrol asiste ao acto de posta en servizo das obras de remodelación e humanización da avenida das Pías FE-14
Ferrol, 30 de xullo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acudiu esta mañá ao acto de posta en servizo das obras de remodelación e humanización da avenida das Pías (FE-14), onde celebrou a boa nova que supón para a cidade o remate definitivo desta actuación nunha das arterias máis relevantes de Ferrol.
Aneiros enmarcou o proxecto de humanización desta vía “no proceso de transformación de espazos urbanos tan necesario para as cidades do futuro”, co obxectivo de priorizar ás persoas, “creando zonas máis accesibles, seguras e sostibles para desfrute dos veciños, favorecendo unha maior permeabilidade entre os diferentes barrios e transformando unha vía que durante tantos anos foi unha barreira nun espazo común que agora une ós seus veciños”.
Unha aposta que, como sinalou na súa intervención, vai moi en consonancia coas políticas que está a implementar o Goberno galego e que exemplificou en iniciativas como o proxecto Abrir Ferrol ao Mar, cuxa primeira fase xa está operativa na fachada marítima da cidade.