A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou hoxe coa alcaldesa Digna Rivas o convenio para financiar esta actuación

A Xunta colabora con 1,1 M€ na transformación da avenida de Mendiño no concello de Redondela

A Xunta asume máis do 70% do orzamento desta intervención e tramitará o cambio de titularidade ao Concello dos 1,09 km deste viario PO-363, antes da adxudicación das obras

A intervención consistirá na mellora da seguridade viaria, a reordenación do citado treito da vía autonómica e a súa transformación nun viario urbano 

A conselleira destacou o compromiso da Xunta para colaborar cos municipios no financiamento de actuacións de humanización nas estradas autonómicas ao seu paso pola traza urbana, como é este caso, e cuxa titularidade se cede á Administración local 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou hoxe en San Caetano coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 1,1M€ para o acondicionamento da Avenida de Mendiño neste concello. 

A rúa, que se corresponde co treito da estrada autonómica PO-363 entre o núcleo urbano do municipio e o porto de Cesantes, dun quilómetro de lonxitude, pasará a titularidade municipal con este acordo.

O investimento total desta actuación rolda os 1,6 M€ e a actuación consistirá na mellora da seguridade viaria, a reordenación do citado treito da vía autonómica e a súa transformación nun viario urbano. Esta rúa cruza o núcleo urbano de Redondela e comunica equipamentos como o instituto ou o centro de saúde.

Segundo o convenio, a Xunta financiará case o 73% do custe das obras, 1.161.444 euros, e tramitará o expediente de cambio de titularidade de todo o dominio público da estrada PO-363 entre Redondela e o porto de Cesantes, antes da adxudicación das obras polo Concello de Redondela.

Pola súa banda, o Concello de Redondela completará o financiamento da obra, cunha contía de 433.268 euros. Ademais, redactará o proxecto e executará as obras, ademais de asumir a titularidade do viario.

M. Allegue subliñou esta colaboración co Concello para a transformación do viario, no marco da aposta que está a facer a Xunta para cooperar cos municipios no financiamento de actuacións de humanización nas estradas autonómicas ao seu paso pola traza urbana, como é este caso, e cuxa titularidade cédese á Administración local. 

“Son intervencións que transforman estes viarios gañando espazo para as persoas e que permiten mellorar as contornas urbanas, garantido a súa accesibilidade e desfrute pola cidadanía”, explicou.

Explicou que, no caso deste proxecto de Redondela, dado o peso na actuación da renovación dos servizos urbanos e o feito de que os criterios de deseño que se propoñen implican a perda do carácter de estrada deste viario, o máis razoable é o cambio de titularidade en favor do Concello de Redondela, e que sexa a administración municipal a que aborde o proxecto e as obras, das que será o destinatario final.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2025