A Xunta amplía en máis de 5,3 millóns o orzamento das axudas IA360 para proxectos baseados en intelixencia artificial
Este programa apoia o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación empresarial mediante intelixencia artificial, contando con tres liñas complementarias para desenvolvemento tecnolóxico (A), implantación de solucións de IA e datos (B) e formación nas empresas (C)
O incremento orzamentario céntrase na liña A, o que permitirá atender un maior número de solicitudes, tras pechar o prazo de presentación cun total de 117 proxectos rexistrados, o que pon de manifesto o interese crecente do tecido empresarial galego por aplicar esta tecnoloxía
Os apoios desta liña poden acadar ata o 60% do investimento en pequenas empresas, cun máximo de 1 millón de euros por proxecto
Santiago de Compostela, 31 de xullo de agosto de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación en máis de 5,3 millóns de euros da dotación orzamentaria das axudas IA360, destinadas ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación mediante o uso da intelixencia artificial. O aumento do crédito céntrase na liña A, das tres coas que conta o programa. Esta liña inicialmente dispoñía dun orzamento de 5,5 millóns de euros, que agora se eleva ata os 10,8 millóns para atender un maior número de proxectos.
O programa IA360 naceu co obxectivo de fomentar a incorporación da intelixencia artificial no tecido produtivo galego, a través das tres mencionadas liñas de actuación, todas elas complementarias. A liña A, que é a que agora recibe a ampliación, está dirixida ao desenvolvemento tecnolóxico e á comercialización de novos produtos e servizos baseados en IA.
Pola súa banda, a liña B apoia a implantación de solucións comerciais de intelixencia artificial e proxectos de xestión estratéxica do dato para mellorar a competitividade empresarial. E a liña C promove accións formativas para capacitar ás persoas traballadoras en competencias vinculadas á intelixencia artificial e facilitar a súa integración nas cadeas de valor das empresas.
No caso da liña A, a ampliación permitirá atender un maior número de solicitudes, tras pechar o prazo de presentación o pasado 30 de abril cun total de 117 proxectos rexistrados, o que puxo de manifesto o interese crecente do tecido empresarial galego por aplicar esta tecnoloxía aos seus procesos produtivos, comerciais ou de servizo.
As axudas da liña A poden acadar ata o 60% do investimento no caso das pequenas empresas, 50% para as medianas e ata o 40% para as grandes empresas, cun importe máximo por proxecto de 1 millón de euros. Entre os custos subvencionables inclúense os gastos de persoal, equipamento, obras necesarias para a posta en marcha e custos indirectos asociados. Os proxectos deberán ter un orzamento mínimo de 100.000 euros e un nivel de madurez tecnolóxica equivalente a TRL 6 ou superior.
O programa está cofinanciado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos europeos NextGenerationEU, e forma parte da iniciativa RETECH-Cadea de valor en Intelixencia Artificial. Trátase dunha aposta estratéxica para impulsar a tecnoloxía como motor de crecemento e modernización das empresas galegas.
A ampliación orzamentaria non supón a reapertura do prazo de solicitudes. As condicións da convocatoria mantéñense sen cambios, e o apoio continuará prestándose por orde de entrada das solicitudes completas.
Con esta medida, a Xunta reafirma o seu compromiso coa innovación e a transformación dixital, facilitando que as empresas galegas poidan incorporar tecnoloxías avanzadas que lles permitan gañar eficiencia, diversificar mercados e liderar cadeas de valor intelixentes.