O delegado territorial da Xunta en Ourense presenta o Festival ‘Xoldra de Aguiar’ que se desenvolverá no concello de Pereiro de Aguiar
Contará coas actuacións de Pablo Estévez (Maxia), a Agrupación Musical da Limia e Milladoiro
O festival, patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar
Este modelo de evento pon en valor a tradición das festas populares nun entorno rural. A ambientación e decoración do evento pretende evocar as festas populares sen grandes estruturas, poñendo en valor o patrimonio natural e etnográfico do Concello
Ourense, 31 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá, acompañado de Marcos Vázquez, director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, e o concelleiro de Cultura, Sanidade e Consumo do concello de Pereiro de Aguiar, Casiano Ángel Feijóo, na presentación do festival Xoldra de Aguiar que se celebrará o 13 de setembro no concello de Pereiro de Aguiar, e que ten como principal obxectivo a posta en valor do rural coa cultura das festas populares como instrumento catalizador dun evento musical durante o día, desde a sesión vermú ata a noite, ademais de contar con programación infantil.
Trátase dunha iniciativa patrocinada por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar, onde a convivencia, a música e o bo ambiente serán os protagonistas dunha xornada na que os veciños poderán gozar dun evento no rural, ao aire libre, das actuacións de Pablo Estévez (Maxia), a Agrupación Musical da Limia e Milladoiro. Tamén a gastronomía, que forma unha parte importantísima de calquera evento destas características, terá presenza cun posto de pulpo e comida tradicional galega, así como grupos de animación para nenos e nenas.
Este evento invita aos veciños de Pereiro de Aguiar e aos das veciñanzas próximas a recuperar a figura das festas populares como un lugar de xuntanza. O valor engadido da música en directo de grupos recoñecidos fai que público doutros lugares de Galicia se despracen ata alí.
Este modelo de evento pon en valor a tradición das festas populares nun entorno rural. A ambientación e decoración do evento pretende evocar as festas populares sen grandes estruturas, poñendo en valor o patrimonio natural e etnográfico do Concello. Ao tratarse dun evento diúrno case na súa total duración, evitamos reducir significativamente a contaminación luminosa e acústica
O prezo das entradas, á venda en Ataquilla.com, teñen un prezo individual de 15 euros, a entrada será de balde para nenos e nenas de ata 10 anos.