A Xunta avanza no estudo para a mellora da AC-544 en Ames, co fin de reforzar a seguridade viaria nesta estrada ao seu paso polo municipio
Trátase de definir actuacións de mellora no treito da AC-544 que parte do enlace coa AG-56, no punto quilométrico 1+130, e o 7+300
O obxectivo da Xunta é presentar en setembro ao Concello de Ames o estudo para, en base a diagnose técnica, avaliar as posibles propostas de actuación no ámbito
O traballo desenvolvese no marco da estratexia de actuación en treitos de concentración de accidentes e treitos de alto potencial de mellora en vías autonómicas, na que a Xunta investirá máis de 23,5 M€ no período 2024-2027
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanza no estudo para a redacción do proxecto de mellora da AC-544 no concello de Ames, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria nesta estrada autonómica ao seu paso polo municipio.
Trátase dunha das estradas incluídas no contrato para a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) en distintas vías autonómicas situadas na zona sur da provincia da Coruña. Este contrato se está a desenvolver no marco da estratexia de actuación en treitos de concentración de accidentes e treitos de alto potencial de mellora na rede viaria de titularidade autonómica, no que a Xunta investirán máis de 23,5 M€ no período 2024-2027.
Neste caso, a orde de estudo persegue a definición de detalle de actuacións de mellora no treito da estrada AC-544 no concello de Ames, no tramo que parte do enlace coa AG-56, no punto quilométrico 1+130, e o 7+300, con motivo dos accidentes rexistrados nos últimos meses e atendendo tamén á preocupación transmitida polo Concello.
Con este estudo, entre outros aspectos, trátase de considerar o desenvolvemento dun proxecto que inclúa posibles medidas de acondicionamento de marxes, de mellora da sinalización, balizamento e defensas, de mellora dos accesos e interseccións ou de mellora dos pasos de peóns.
O obxectivo da Xunta é presentar ao Concello de Ames o proxecto este vindeiro mes de setembro, para valorar a diagnose técnica que se realice e as posibles propostas de actuación.