A Xunta licita por preto de 800.000 euros a instalación de dous sistemas de tratamento de auga para os servizos de diálise que se abrirán no Hospital Novo Montecelo
O novo hospital de Pontevedra albergará os servizos de diálise ambulatoria e para pacientes hospitalizados en UCI, reanimación e na unidade coronaria
A Xunta compaxina a finalización da obra coa contratación do equipamento necesario para a posta en marcha do novo centro hospitalario
As empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o 13 de agosto
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 794.970 euros, do subministro, instalación e posta en marcha dos sistemas de tratamento de auga ostomizada para a diálise no Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.
O novo hospital que está a rematar de construír a Xunta configúrase como unha importante ampliación ao lado do actual Montecelo e acollerá os novos servizos de diálise ambulatoria e diálise para pacientes hospitalizados en UCI, na unidade de reanimación e na unidade coronaria.
Dado que estas novas centrais deben estar completamente operativas e con capacidade suficiente antes do traslado de toda a actividade asistencial de hemodiálise ao Novo Montecelo, o Servizo Galego de Saúde deseñou a contratación coa capacidade de abastecer toda a demanda. Desta forma, disponse do novo equipamento operativo sen desmontar o actual, que mantén o servizo operativo na fase de traslado.
Polo tanto, a Xunta continúa a coordinar a finalización da obra do Hospital Novo Montecelo coa contratación do equipamento necesario para a súa entrada en funcionamento.
As empresas interesadas neste contrato dispoñen de prazo ata o 13 de agosto para presentar as súas ofertas.