A Xunta concede 4 millóns de euros para impulsar preto de medio cento de proxectos de innovación empresarial a través do programa Igape Innova
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución coas iniciativas seleccionadas, que permitirán mellorar procesos e organizacións e impulsar o deseño de novos produtos e servizos en pemes e grandes empresas galegas
A liña, dotada cun orzamento inicial de 4 M€, sumou máis dun cento de solicitudes, o que reflicte o forte interese do tecido empresarial galego por mellorar a súa competitividade a través da innovación
As axudas, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, chegan ata os 125.000 € por proxecto no caso das pemes e ata 100.000 € no das grandes empresas
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución do programa Igape Innova, que beneficia a preto de medio cento de empresas galegas que desenvolverán proxectos centrados na innovación organizativa e no deseño de novos produtos e servizos.
Cun orzamento de 4 millóns de euros, esta liña de axudas, que desenvolve a Consellería de Economía e Industria a través do Igape, ten como obxectivo fortalecer a capacidade de innovación das pemes e grandes empresas da Comunidade, mellorando así a súa competitividade nos mercados nacionais e internacionais.
As axudas distribúense en dúas liñas de actuación: a Liña 1, dirixida a pemes, e orientada á posta en marcha de plans de innovación en procesos e organización, e a Liña 2, para empresas de calquera tamaño, centrada no deseño para a innovación e a sustentabilidade. Os apoios chegan ata os 125.000 euros no caso das pemes e ata os 100.000 euros nas grandes empresas, cunha intensidade de axudas ata o 50 % dos custos subvencionables no caso das pequenas e medianas empresas e o 40 % para as grandes, e permítese un anticipo de ata o 70 % do importe concedido.
O programa recibiu máis dun cento de solicitudes, o que demostra o forte interese do tecido empresarial galego por innovar e adaptarse aos novos retos tecnolóxicos e de sustentabilidade. As iniciativas beneficiarias inclúen proxectos que van desde a dixitalización de procesos industriais, ata o desenvolvemento de produtos innovadores con compoñentes sustentables, pasando pola implementación de novos métodos organizativos ou melloras no deseño funcional e estético de produtos e servizos.
Todos os proxectos seleccionados foron avaliados por criterios técnicos e económicos, valorando especialmente o seu grao de innovación, a sustentabilidade das solucións propostas, o impacto esperado e a capacidade das empresas para levalos a cabo.
O programa Igape Innova forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para promover a innovación como piar do desenvolvemento económico e da transformación dixital das empresas. Xunto con outras iniciativas como a liña IA360 ou o Ticket Innova, contribúe a crear un ecosistema máis sólido, colaborativo e orientado á xeración de valor engadido, ao tempo que fomenta a cooperación entre empresas e centros de coñecemento.
Con este tipo de convocatorias, o Goberno galego busca estimular o investimento privado en innovación, promover o emprego cualificado e fixar talento no territorio, reforzando a posición de Galicia como referente en innovación aplicada ao tecido produtivo.