A Xunta licita por máis de 3,8 M€ o control e seguimento de 127 depuradoras galegas con capacidade para dar servizo a unha poboación de máis de 2.000 persoas
O contrato ten como obxectivo axudar na supervisión, vixilancia e inspección das infraestruturas hidráulicas competencia das entidades locais para dar un mellor servizo á cidadanía e velar pola calidade das augas na súa área de influencia
O servizo abrangue entre outros traballos o asesoramento aos concellos na xestión destas infraestruturas, a realización de analíticas e a recompilación de información para a elaboración de informes periódicos sobre o seu estado
As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 5 de agosto para presentar as súas ofertas e o prazo de execución dos traballos será de vinte e catro meses desde a data de formalización do contrato
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025
A Xunta licitou por un orzamento inicial de algo máis de 3,8 millóns de euros, IVE incluído, o contrato de servizo de apoio técnico para o control e seguimento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas das aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes de Galicia. O fin último é axudar nas tarefas de supervisión, vixilancia e inspección das infraestruturas hidráulicas competencia das entidades locais para dar un mellor servizo á cidadanía e velar pola calidade das augas na súa área de influencia.
Aínda está aberto o prazo para que as empresas interesadas en participar no procedemento poidan presentar as súas ofertas a través do sistema de licitación electrónica da Xunta. O prazo de execución dos traballos será de vinte e catro meses desde a data de formalización do contrato, coa posibilidade de prorrogalo por seis meses adicionais.
Concretamente, o contrato licitado abrangue os labores necesarios para asesorar aos concellos na xestión das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) da súa titularidade -un total de 127- así como o control necesario para asegurar o cumprimento da normativa vixente en materia de depuración e tratamento de auga coa realización das analíticas necesarias e a recompilación da información precisa para a elaboración de informes periódicos sobre o seu estado e conservación.
De feito, entre as actuacións incluídas no servizo está a realización de informes globais sobre as instalacións de depuración no ámbito da comunidade autónoma, necesarios para o seu uso por outros organismos competentes na materia ou para avaliar o propio estado das instalacións no seu conxunto en determinados aspectos concretos.
O contrato engloba ademais o desenvolvemento evolutivo, adaptándoa e perfeccionándoa, da aplicación informática correspondente ao Sistema de Información de Control de Estacións Depuradoras (Sicedar) de Augas de Galicia, así como o seu mantemento correctivo para garantir a súa funcionalidade e operatividade, na que se centralizará toda a información xerada ao abeiro do contrato.
Deste xeito a Xunta axudará aos concellos a realizar o control e seguimento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas das aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes de Galicia, un total de 127. Delas 63 pertencen á provincia da Coruña, 25 á de Lugo, 13 á de Ourense e 26 á de Pontevedra.
Asesoramento concellos
Esta é unha mostra máis do apoio técnico e económico que o Executivo galego presta ás entidades locais para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan ofrecer servizos da máxima calidade á veciñanza da súa área de influencia.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.