Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe
Está estabilizado dende as 19.57 horas de hoxe o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, e no que se desactivou a Situación 2, que afecta unha superficie dunhas 300 hectáreas
Deuse por extinguido ás 17.12 horas de hoxe o lume forestal do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que finalmente afectou unha superficie de 22,59 hectáreas, das cales 17 corresponden a monte arborado e 5,49 a raso
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe venres.
Estabilizado A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2
Está estabilizado desde as 19.57 horas de hoxe o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia de O Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas deste mediodía, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá de onte xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 12 técnicos, 39 axentes, 53 brigadas, 37 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
Extinguido Carballeda de Avia-Carballeda
Deuse por extinguido ás 17.12 horas de hoxe o lume forestal do municipio ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que finalmente afectou unha superficie de 22,59 hectáreas, das cales 17 corresponden a monte arborado e 5,49 a raso. O incendio iniciouse ás 12.59 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse 5 técnicos, 31 axentes, 53 brigadas, 30 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 8 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.