Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe

Está activo dende as 23.04 horas da pasada noite un lume forestal no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie dunhas 70 hectáreas

Segue estabilizado dende as 19.57 horas de onte venres o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, e no que se desactivou a Situación 2, que afecta unha superficie dunhas 300 hectáreas

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe, sábado.

Activo Vilardevós-Terroso

Está activo un lume forestal no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie dunhas 70 hectáreas. O lume iniciouse ás 23.04 horas da pasada noite e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 11 axentes, 14 brigadas, 20 motobombas e 3 pas.

Estabilizado A Cañiza-O Couto, desactivada Situación 2

Segue estabilizado desde as 19.57 horas de onte venres o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia de O Couto. A Situación 2 neste lume desactivouse ás 12.22 horas de onte, polo que tamén se desmobilizou aos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción.

Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.

O lume iniciouse ás 16.23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 42 axentes, 66 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 02/08/2025