Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe

Está extinguido desde as 23.17 horas de onte o incendio do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que finalmente afectou unha superficie de 245,38 hectáreas

Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas

Está xa controlado desde as 20.09 de onte o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas

Ás 21.47 horas de onte deuse por controlado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe martes.

Extinguido Ponteceso-Cospindo

Está extinguido desde as 23.17 horas de onte o incendio do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que finalmente afectou unha superficie de  245,38 hectáreas, das cales 215,38 corresponden a monte arborado e 30 a raso. O lume iniciouse ás 16.12 horas do pasado sábado e mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.

Estabilizado Ponteceso-Brantuas

Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

Controlado Ponteceso-A Graña

Está xa controlado desde as 20.09 de onte o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 22 brigadas, 22 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 1 helicóptero e 8 helicópteros.

Controlado Vilardevós-Terroso, desactivada Situación 2

Ás 21.47 horas de onte deuse por controlado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.

O incendio iniciouse ás 23.04 horas do pasado venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 57 axentes, 77 brigadas, 51 motobombas, 6 pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 05/08/2025