O conselleiro de Sanidade, coa xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, mantivo unha reunión de traballo para avaliar a situación tras o incidente deste domingo

Gómez Caamaño avanza a renovación dos falsos teitos de todo o bloque de hospitalización do edificio antigo do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

Adianta que se renovarán os falsos teitos das plantas 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª e que xa se están a facer os trámites necesarios para iniciar os traballos canto antes co obxectivo de que estean rematados cara a finais do verán

Explica que se colocaron elementos de medición de movementos estruturais para poder adoptar medidas áxiles, de ser necesario

Indica que as conclusións iniciais dos técnicos apuntan como causa principal do incidente á idade dos falsos teitos que, sumado a presións excepcionais por contraste térmico, fixo que as ancoraxes cederan

Ferrol, 5 de agosto de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou a próxima renovación dos falsos teitos de todo o bloque de hospitalización do edificio antigo do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

Tras o incidente deste domingo nun falso teito dunha habitación, o conselleiro mantivo unha reunión de traballo para abordar a situación e as medidas a adoptar na que participaron a xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, a subdirectora xeral de Investimentos do Servizo Galego de Saúde, Belén Suárez Massó, o director Asistencial, Salvador Mariño-Ageitos, a directora de Recursos Económicos, Ángela Calderón de Arriba, e a directora de Enfermería, Isabel Turnes.

Gómez Caamaño trasladou as medidas xa adoptadas tras as avaliacións detalladas realizadas este luns por técnicos especialistas en estruturas.

En primeiro lugar, o propio domingo fixéronse 28 movementos, para reubicar os pacientes das habitacións contiguas e en altura coincidentes coa habitación do incidente.

Tamén se procedeu á colocación de testemuñas para observar se se producen novos movementos estruturais e, en caso de ser necesario, adoptar medidas áxiles.

O conselleiro de Sanidade avanzou que xa están iniciados os trámites para substituír os falsos teitos da 3ª, 4ª, 5 ª, 6ª e 7ª plantas, que conforman a parte antiga do edificio, porque as plantas inferiores xa están renovadas. Isto implica renovar os falsos teitos, non só nas habitacións contiguas senón en todas as habitacións e espazos do bloque antigo de hospitalización.

A previsión é comezar os traballos de forma inminente co fin de que poidan rematar cara a finais de verán.

Agradecemento a profesionais e pacientes

Gómez Caamaño agradeceu a comprensión á familia e ao paciente afectado e tamén a de todos os pacientes que foron reubicados, polas facilidades dadas.

Ademais recoñeceu aos profesionais a colaboración e o traballo de planificación para realizar a reubicación inmediata e garantir a máxima seguridade, tratando de minimizar as molestias.

Despois da revisión dos técnicos, as conclusións iniciais apuntan como causa principal á idade dos falsos teitos que, ante presións excepcionais como o contraste térmico diario pola orientación da habitación onde se produciu o incidente, fixo que as ancoraxes cederan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2025