Román Rodríguez destaca o programa Recuperación da excelencia Neotec como unha oportunidade para os proxectos empresariais punteiros
O conselleiro de Ciencia, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, visita a empresa aeroespacial UARX Space, beneficiaria da edición de 2023 destas axudas
Dotada con 3M€, a nova convocatoria de axudas publícase no Diario Oficial de Galicia o vindeiro día 14
Esta liña forma parte do programa Activa I+G+i, con preto de 53M€ para fomentar a colaboración entre empresas e a transferencia de coñecemento á cidadanía
Nigrán (Pontevedra), 5 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou esta mañá a empresa aeroespacial UARX Space, con sede na localidade pontevedresa de Nigrán, onde aproveitou para destacar a nova convocatoria do programa Recuperación da excelencia Neotec como unha oportunidade para a posta en marcha e impulso de novos proxectos empresariais desenvolvidos a partir da actividade investigadora. “Precisamente esta empresa, especializada en loxística espacial e transporte de satélites, foi beneficiaria desta convocatoria no ano 2023, pola que a Xunta lle outorgou un apoio de 225.000€”, explicou o conselleiro.
Neste sentido, Román Rodríguez sinalou que a convocatoria de Recuperación da excelencia Neotec é un instrumento que permite financiar a aquelas empresas con base tecnolóxica que quedaron fóra das axudas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) por insuficiencia de crédito da convocatoria estatal. “Polo tanto, con esta liña de axudas a Xunta rescata iniciativas que, malia ser excelentes, non terían o financiamento necesario para avanzar e converterse en proxectos empresarias punteiros”, salientou.
A nova convocatoria do programa está dotada con 3M€, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e conta con acadar os 5M€ mobilizados. A previsión é contribuír ao financiamento dunha decena de proxectos de base tecnolóxica, que se sumarán ás 28 iniciativas apoiadas desde 2021 con máis de 7M€.
Como novidade este ano, a convocatoria é en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non haberá un proceso de avaliación dos proxectos e as subvencións concederanse por orde de entrada.
Activa I+G+i
Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28M€), Unidades Mixtas de Investigación (12M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3M€). Con este investimento, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100M€.
A través destas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon o foco nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía. Todas as convocatorias publícanse ao longo do mes de agosto e enmárcanse no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Tecnoloxía espacial
UARX Space é unha empresa galega especializada en loxística espacial, centrada no despregue e transporte orbital de satélites pequenos, como CubeSats e PocketQubes. Ofrece solucións completas desde o lanzamento ata a colocación en órbita final, así como opcións de hospedaxe de cargas útiles. A compañía foi recoñecida pola NASA como unha das dez firmas máis innovadoras do mundo en tecnoloxías para naves espaciais pequenas e foi distinguida como a startup tecnolóxica máis innovadora de Galicia nos premios EmprendeXXI outorgados por CaixaBank na edición do ano 2023.
Entre os seus produtos mais destacados atópanse o primeiro dispensador de nanosatélites deseñado de xeito íntegro en España, RAMI (Reliable And Advanced Mission Injector), e un vehículo de transferencia orbital con capacidade para transportar e liberar múltiples satélites con autonomía propia e propulsión ecolóxica, OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration).