A Xunta aborda cos concellos de Dodro e Padrón o deseño dos servizos de autobús da nova concesión de transporte público que conecta ambos os municipios con Santiago e O Barbanza
Entre as melloras figuran unha nova liña entre Dodro e Santiago que conectará cos hospitais e outra entre Dodro e Padrón para dar servizo ao alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías o Namorado
A Xunta recolleu as valoracións dos municipios de cara a ultimar o anteproxecto de explotación da nova concesión
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe cos alcaldes de Dodro, Xabier Castro, e de Padrón, Anxo Rei, o proxecto que define o deseño dos servizos de autobús da nova concesión de transporte público que conecta ambos os municipios con Santiago de Compostela e O Barbanza.
Entre as melloras deseñadas para Dodro e Padrón e trasladadas aos concellos, a directora xeral salientou a creación dunha nova liña Dodro-Santiago de Compostela que conectará as localidades deste corredor cos hospitais, polo que se eliminará a necesidade de que os usuarios empreguen os servizos lanzadeira que funcionan entre a estación intermodal e os centros sanitarios.
O proxecto tamén establece unha nova liña entre Dodro e Padrón que dará servizo ao alumnado de Dodro que estuda nos institutos de Padrón, o IES Camilo José Cela e o IES Macías o Namorado, en horarios adecuados ás xornadas lectivas dos centros.
Nos encontros de hoxe, a Xunta recolleu tamén as valoracións dos concellos de cara a ultimar o anteproxecto de explotación que busca definir un sistema de transporte público máis adaptado á realidade da bisbarra.
As xuntanzas enmárcanse nos traballos para ultimar o anteproxecto de explotación para a licitación da nova concesión de autobús regular que conecta a comarca do Barbanza con Santiago de Compostela. A reorganización proxectada baséase no establecemento de servizos directos que reducirán os tempos de viaxe coa cidade, atendendo a principal demanda dos usuarios e as peticións das administracións locais, así como na mellora das conexións na bisbarra.
A concesión que se licitará enmárcase no Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta avanza na consecución dun modelo de mobilidade optimizado, moderno, intelixente e responsable coa poboación galega e co medio natural. A importancia estratéxica do transporte público fai precisa unha actualización constante que atenda as demandas reais e se adapte ás características territoriais, conxugando as necesidades rurais e urbanas de xeito que cada galego e galega, alí onde residan, dispoñan dun medio de transporte público accesible.