Máis de 1.000 alumnos e docentes realizan este verán cursos de idiomas no estranxeiro ao abeiro do programa Galemundo da Xunta

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa despide esta semana un grupo dos 641 alumnos de Bacharelato que realizan estas estadías

Preto de 200 estudantes universitarios están xa en diversos países mellorando as súas competencias en linguas con bolsas de ata 1.500€ da Consellería de Educación

Un total de 238 docentes realizan formación en idiomas en Reino Unido, Francia e Portugal nestes meses co apoio do Goberno galego

Ao longo do curso o programa beneficia a máis de 7.000 estudantes e profesores a través de distintas liñas de acción, incluíndo o programa Erasmus

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2025

Máis de 1.000 alumnos e docentes realizan este verán cursos de idiomas no estranxeiro ao abeiro do programa Galemundo, co que a Xunta de Galicia impulsa a internacionalización do ensino. O Goberno galego destina este ano máis de 15M€ a esta iniciativa, que aglutina todas as bolsas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP neste eido para facilitar que alumnos e profesores poidan viaxar a outros países e mellorar as súas competencias en idiomas. Ao longo do curso escolar beneficiáronse deste programa 7.000 persoas.

Precisamente a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, despediu esta semana no aeroporto Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, un grupo de 60 alumnos de Bacharelato que partían cara a Reino Unido para mellorar as súas competencias en inglés. Forman parte dos 641 estudantes de Bacharelato que realizan estadías de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Canadá e Alemaña en xullo e agosto no marco deste programa Galemundo.

A representante da Xunta animounos a aproveitar esta estadía, non só para mellorar o seu inglés, senón tamén para entrar en contacto coa cultura británica e “vivir unha experiencia enriquecedora que vos vai ser útil no conxunto da vosa vida académica”.

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade concreta, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 69% do custo das estancias dos estudantes en Canadá (228 estudantes), Reino Unido (345 estudantes), Francia (60 estudantes) e Alemaña (dez estudantes). Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

Alumnado universitario

No que atinxe ao alumnado universitario, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concedeu axudas de ata 1.500€ a un total de 178 alumnos das tres universidades públicas galegas para facer cursos de idiomas no estranxeiro tamén este verán. Os beneficiarios asistirán, de xeito presencial, a un curso idiomático nun país estranxeiro no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto cun mínimo de 45 horas lectivas.

O país de destino máis escollido foi Canadá, con 40 alumnos, seguido de Malta (39), Irlanda (34), Italia (18), Reino Unido (16), Francia (14), Alemaña (9), Xapón (3), Estados Unidos (2), Portugal (1), China (1) e Corea do Sur (1). Un total de 67 son alumnos beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 58 da de Vigo e 53 da Universidade da Coruña.

Formación docente

Ademais, un total de 238 docentes galegos perfeccionaron este mes de xullo as súas competencias nun curso de idiomas en Reino Unido (195 profesores), Francia (25) e Portugal (18). Outros 57 farano no primeiro trimestre do curso 25/26, integrándose na vida escolar nun centro educativo fóra de España, en concreto en Canadá (40 docentes), Francia (10) e Portugal (7).

A Consellería de Educación destina máis de 1 M€ a esta iniciativa, de tal xeito que o profesorado participante ten cubertos os gastos de docencia, aloxamento, manutención, actividades culturais e desprazamento. Esta convocatoria diríxese a docentes de inglés, francés e portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas.

Internacionalización do ensino

A través do programa Galemundo a Xunta impulsa a internacionalización do ensino e reafirma a súa aposta polo plurilingüismo, promovendo unha formación de calidade para alumnado e profesorado. Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participaron ao longo deste curso en mobilidades no estranxeiro ao abeiro desta iniciativa, que abrangue tanto as devanditas estadías no verán como accións ao longo de todo o curso, tanto de intercambio como de mobilidades no programa Erasmus e a países extracomunitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2025