A Xunta pon en valor o traballo da Asociación Saúde Mental A Mariña na atención ás mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero

Roberto Barba destacou que esta entidade puxo en marcha a primeira vivenda tutelada de Galicia para mulleres vítimas e que padecen problemas de saúde mental na que o Executivo autonómico investiu preto dun millón de euros

Cervo (Lugo), 7 de agosto de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, visitou esta mañá a sede da Asociación Saúde Mental A Mariña, unha entidade que é referente na atención a mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia machista.

Roberto Barba destacou que esta entidade foi a primeira en poñer en marcha, coa colaboración da Xunta, unha vivenda tutelada en Galicia destinada ás mulleres con problemas de saúde mental vítimas de violencia de xénero e na que o Executivo autonómico investiu preto dun millón de euros. Ao respecto, puxo en valor o importante labor que presta esta asociación na atención ás vítimas e impulsando a súa integración e autonomía.

Durante a visita, o director xeral trasladou o compromiso da Xunta para seguir traballando da man do tecido asociativo para construír unha Galicia máis igualitaria. Deste xeito, apuntou que o papel das entidades do terceiro sector é clave para combater a violencia de xénero en todos os ámbitos sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2025