O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, Francisco Martelo, asinaron o novo convenio

A Xunta renova a colaboración coa Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia para apoiar actividades de estudo e investigación en ciencias médicas

O convenio supón un apoio económico da Xunta de 30.000 euros e terá vixencia ata o 31 de decembro

O obxectivo deste acordo é contribuír ao progreso e á difusión do coñecemento das ciencias médicas entre os profesionais sanitarios e a poboación en xeral

En virtude deste acordo desenvolveranse diversas accións científicas no marco da súa programación anual

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025

A Consellería de Sanidade renovou a súa colaboración coa Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia coa sinatura dun novo convenio para a realización de actuacións no ámbito do estudo e da investigación das ciencias médicas.

O acordo foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, Francisco Martelo.

A finalidade deste convenio é contribuír ao progreso e á difusión do coñecemento das ciencias médicas entre os profesionais sanitarios, así como contribuír á educación sanitaria da poboación en xeral. Por este motivo, desenvolveranse diversas accións científicas que compoñen a súa programación anual.

A Xunta proporcionará un apoio económico de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades, como sesións científicas, publicacións que contribúan ao incremento e á catalogación do patrimonio arquivístico-bibliográfico no eido sanitario ou exposicións.

Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2025.

Data de actualización: 09/08/2025