Fabiola García agradece aos establecementos do Carné +65 a súa aposta por contribuír ao envellecemento activo e saudable
A conselleira entregou ao propietario dos apartamentos turísticos Areas o distintivo que o acredita como adherido ao programa
Sanxenxo (Pontevedra), 9 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou esta mañá os apartamentos turísticos de Areas, que forman parte do Carné +65. No encontro, agradeceu ao propietario deste establecemento, Marcelo Radío, a súa aposta por este programa da Xunta e por contribuír a fomentar un envellecemento activo e saudable.
Durante a visita tamén entregou ao propietario deste complexo o distintivo que o acredita como adherido ao programa, ao tempo que destacou que xa son preto de 900 os establecementos que forman parte da iniciativa. Ao respecto, lembrou que o Carné+65 é 100% gratuíto e beneficia a preto de 600.000 persoas, que xa recibiron nos seus fogares a tarxeta coa que desfrutar dos beneficios.
Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%, beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos: establecementos turísticos como axencias de viaxes; de lecer e ocio; comerciais, ou destinados ao coidado e benestar, como poden ser as ópticas. Ademais, sinalou que toda a información está recollida na páxina web da iniciativa, na que os beneficiarios poden consultar toda a relación de establecementos onde poden desfrutar das vantaxes que lles ofrece o carné.