María José Gómez salienta o papel da viticultura na dinamización do rural na Feira do Viño de Monterrei
A conselleira do Medio Rural tamén sinalou que a produción de viño é un motor de crecemento sostible, que fortalece a economía galega e que se consolida como piar fundamental para un rural “moderno e atractivo”
Verín (Ourense), 8 de agosto de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o papel da viticultura na creación de emprego, na dinamización das comunidades locais e no impulso ao turismo. Foi na inauguración da XVIII Feira do Viño de Monterrei, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Este último foi nomeado hoxe, precisamente, confrade da Confraría dos Viños de Monterrei.
Neste acto, a conselleira sinalou ademais que a produción de viño é un motor de crecemento sostible, que fortalece a economía galega e que se consolida como piar fundamental para un rural “moderno e atractivo”. Gómez subliñou que Galicia é sinónimo de “calidade” grazas ao traballo dos viticultores e adegueiros, agradecendo a súa entrega e o esforzo por preservar as variedades autóctonas e manter viva unha tradición milenaria que se reflicte “en cada copa de viño” e que fai posible que a “nosa terra brille”, segundo asegurou a titular de Medio Rural.
A conselleira tamén puxo en valor a experiencia de visitar Verín, unha terra “chea de historia”, cunha paisaxe singular e unha “xente excepcional”. Ademais, destacou que é un lugar perfecto para “botar raíces”, como as das vides que se cultivan “con agarimo” na comarca.
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural tamén fixo referencia aos logros acadados pola Denominación de Orixe Monterrei, lembrando que nas catas de Galicia do ano 2024 un viño elaborado con madeira gañou o premio do Acio de Ouro Tinto, e que no 2022 un viño desta denominación foi recoñecido como o mellor branco de Galicia.
Ao longo desta nova edición da Feira do Viño, os asistentes poderán comprobar a calidade dos produtos da zona nas diferentes catas e degustacións, nas que participarán a maioría das adegas da contorna. Durante o acto, Gómez destacou que entre os viños de “alta calidade” sobresaen variedades como Mencía, Godello ou Treixadura.
Por último, a conselleira quixo recoñecer de maneira expresa o labor do Consello Regulador do Viño de Monterrei ao longo de máis de tres décadas, destacando a súa contribución á promoción e á calidade, e animou a seguir traballando na defensa da “excelencia dos viños”.